A organización Ecoloxistas Galicia “Atlántica e Verde” presentou unha denuncia administrativa diante da Fiscalía sobre a sinatura da Autorización Ambiental Integrada (AAI) de Alcoa-San Cibrao. Segundo Ecoloxistas Galicia, os metadatos de dita autorización estarían asinados por un traballador da factoría de alumina-aluminio e non por un equipo técnico da Xunta de Galicia como correspondería.
Ecoloxistas Galicia declara nunha nota de prensa que “a Modificación da Autorización Ambiental Integrada Núm. 2020-IPPC-110-331 (Código: 2020-IPPC-M-153), aparecen presuntamente como autor dos AAI un traballador da promotora (ALCOA) de ambas autorizacións”.
Conxuntamente coa denuncia, a organización ambientalista presentou un ditame pericial informatico onde o Licenciado e Doutor en Informática Emilio José Padrón González (Colexiado Nº 00107 do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia) demostra a “veracidade de metadatos en arquivos PDF asinados dixitalmente”.
Metadatos presentados por Ecoloxistas Galicia
As autorizacións deberan estar asinadas por técnicos da Xunta de Galicia como autores do documento, porén, nos metadatos dos documentos figura a sinatura dun traballador da planta de Alcoa, quen facía as funcións de xefe de Medio Ambiente durante o tempo en que se redataron as AAI.
Ecoloxistas Galicia solicita a anulación da Autorización Ambiental Integrada do complexo industrial de Alcoa situado entre os concellos de Xove e Cervo e, ademais, piden a modificación da Autorización Ambiental Integrada Núm. 2020-IPPC110-331 (Código: 2020-IPPC-M-153). Ademais, piden “a paralización inmediata da actividade no complexo industrial e o e o desmantelamento e restauración da balsa de lodos tóxicos existente en Xove”.
MANIFESTACIÓN EN BURELA DA COORDINADORA EÓLICA ASÍ NON
A Coordinadora Eólica Así Non traslada o seu apoio á convocatoria de manifestación deste sábado, 6 de abril, en Burela, que sairá ás 12 h da confraría de pescadores. A coordinadora chama a sociedade a mobilizarse na defensa dun modelo alternativo de desenvolvemento da eólica en Galicia, deseñado desde a intervención pública e desde a libre capacidade do pobo galego a planificar e decidir sobre o aproveitamento dos seus recursos de forma soberana e democrática.
O movemento Eólica Así Non (que integra máis de 200 entidades e colectivos do ámbito do ecoloxismo, do sindicalismo, dos montes comunais, das plataformas veciñais etc.) advirte que os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña son incompatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños, xa que a costa galega tamén é un santuario ecolóxico para as aves, ao pasar por riba de Estaca de Bares o embude migratorio das aves de maior importancia para Europa e para o mundo.