InicioM.ambiente e PatrimonioManuel Miranda: "Esta sería a segunda praia de Europa onde aparecen...

Manuel Miranda: “Esta sería a segunda praia de Europa onde aparecen restos óseos nunha turbeira”

O mércores 27 de marzo apareceron na praia de Arealonga, Barreiros, restos de turbeiras que xa foran aparecendo logo de temporais anteriores, o máis forte en 2014. Desta volta A Mariña Patrimonio, despois do mal tempo duns días antes puido ver como o mar levara máis area deixando ao aire máis áreas de turbeira. A sorpresa foi cando encontraron pedras labradas que corresponderían ao período do Paleolítico. Falamos con Manuel Miranda, de A Mariña Patrimonio, sobre este achádego.

Publicada o

- Advertisement -

-Como conseguiu A Mariña Patrimonio dar co lugar e logo coas ferramentas paleolíticas en Barreiros?

Xa desde neno oía á miña avoa contar a historia da cidade afundida de San Miguel de Vilachá. Tamén dicía que cando o temporal quitaba a area podían verse árbores e as trabes e vigas das casas. O certo é que oín esa historia toda a vida. En 2014 houbera un temporal moi forte que retirou a area e puido verse a turbeira e, tal como dicía a miña avoa, tamén se vían os restos de árbores e coa erosión do mar sobre a turba aparecían formas xeométricas que parecían vigas, mais é un efecto da erosión. De aí veñen as lendas de que poden ser casas. En 2014 fun até alí despois do temporal e, efectivamente, víanse as árbores, as follas, as landras e as avelás. Fixéranse estudos sobre esas turbeiras que as databan en 8.000 anos. Co paso do tempo, varios temporais desfixeron a turba. Con ese efecto comezaron a apercer ósos de cabalo, cervo ou candorca. Avisamos a Patrimonio e de aí nos dixeron que falásemos con Aurora Grandal, unha das grandes expertas en Galicia sobre ese tipo de restos de fauna. Ela mesma veu até aquí, mesmo datou algúns ósos e concluiu que os máis antigos tiñan entre 4.000 e 5.000 anos.

-Grandal sacou algunha outra conclusión desa primeira datación?

Viñera dar unha palestra e contou que este tipo de turbeiras de bosque fósil son frecuentes en praias de Galicia, sobre todo en praias onde hai ríos. Neses lugares é frecuente que os temporais deixen á vista as árbores fósil e en Galicia son abundantes este tipo de lugares á parte que o fenómeno é coñecido en toda Europa. Grandal contou que a particularidade de San Miguel é que aparecesen restos de fauna, ósos, pois só había outro lugar en Europa onde apareceran restos de fauna, San Miguel sería o segundo lugar onde sucedía isto.

-E por que a importancia de encontrar ferramentas paleolíticas?

Despois do último temporal que houbo o mar desenterrou un espazo máis amplo no medio de Arealonga, un lugar que chaman Penas Rubias onde tamén hai varias capas de turba. Hai un lugar que ten turba e un pouco máis adiante aparece unha área onde semella haber tal cal, barro. Así foi como apareceron as formas que crea a erosión sobre a turba, algo semellante a vigas. Mais desta volta apareceron pezas que podían ser do Paleolítico, recollémolas e avisamos a Patrimonio. Casualmente había un arqueólogo traballando na zona e para o outro día había varios arqueólogos recollendo pezas. Na Mariña hai varios lugares con restos paleolíticos, un en Ribadeo e logo outro en Rio Cobo que o descubrimos nós.

-Por outra parte, se se descubriron restos animais, non se descubriu ningún resto humano?

Non, de momento non. O que si é curioso é a aparición de ferramentas paleolíticas neste lugar, pois son máis antigas. Tal como dixo un arqueólogo, sería a primeira vez en Galicia que pedras labradas no Paleolítico aparecen asociadas a unha turbeira. Por outra parte, tal com nos dixo Aurora Grandal, nesas áreas o mar sobe e baixa e vai formando pequenas lagoas xunto aos ríos. Neses lugares hai vexetación que se deposita aí e non apodrece porque esa auga ten moi pouco osíxeno o que permite a conservación dos restos.

-Isto quere dicir que a liña de costa daquela estaba máis adiante, máis mar adentro.

Si, certo, a liña de costa moveuse moito durante os últimos milenios. Esa zona era un bosque daquela porque en 2014 puidemos obserbar os troncos enteiros, capas de follas e os froitos porque o mar ía rompendo a turba. Tamén mencionar que cando Aurora Grandal nos dixera que había outra turbeira en Europa xunto ao mar onde apareceran ósos, tamén había un xacemento da Idade do Ferro. Pois perto de onde está a turbeira de San Miguel hai un castro no lugar da Punta do Castro, cousa que lle pareceu curiosa.

ÚLTIMAS

Montse Porteiro: “sabemos que sanitariamente esta comarca está cualificada de difícil cobertura”

-Cales son as circunstancias detrás das concentracións en Ribadeo e O Valadouro? En Ribadeo, e...

Concentración no Valadouro reclamando a cobertura das prazas médicas

Unha concentración de 500 persoas segundo a Plataforma pola Sanidade Pública da Mariña, concentráronse...

Cortada por obras desde o martes ata o venres a estrada LU-P-2007, en Foz

A estrada LU-P-2007 no municipio lucense de Foz quedará cortada desde o martes ao...

Fran Cajoto: “Os ‘Cantos na Taberna’ son unha maneira de preservar o noso patrimonio’

-De onde parte esta iniciativa de 'Cantos na Taberna' de Foz? Isto parte dunha iniciativa...