InicioEconomíaReunión de CCOO cos alcaldes da Mariña para reclamar a Adif e...

Reunión de CCOO cos alcaldes da Mariña para reclamar a Adif e Renfe que aumenten os investimentos na liña de FEVE

Segundo o sindicato, unha proba da falta de investimentos é que existen limitacións temporais de velocidade desde hai máis de vinte anos e cando hai temporais prodúcense numerosos incidentes en trincheiras e zonas de árbores.

Publicada o

- Advertisement -

Unha representación de CCOO mantivo unha reunión este pasado luns cos alcaldes da comarca para tratar a falta de investimentos na liña ferroviaria FEVE que atravesa a comarca. A delegación por Gregorio Bermejo Verdejo, coordinador do Sector Ferroviario en Galicia, M.ª José Novoa Villarejo, secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO na Mariña, Ana María Sanmiguel Gómez, secretaria xeral da Sección Sindical de Adif-Renfe na provincia de Lugo, e Sabas Martínez Rodríguez, delegado sindical de Adif en Ribadeo, mantiveron unha xuntanza cos alcaldes dos concellos da comarca.

Os representantes do sindicato trasladáronlles un breve informe da situación da liña, sobre todo desde que se produciu a integración de FEVE en ADIF e Renfe, pois os investimentos se limitaron a actuacións puntuais de mantemento; proba disto é que “existen limitacións temporais de velocidade desde hai máis de vinte anos e cando hai temporais prodúcense numerosos incidentes en trincheiras e zonas de árbores”.

Tamén informaron de que as numerosas incidencias que se producen nos servizos de viaxeiros, con supresións e transbordos, débense a que unha parte da frota que se usa ten moita antigüidade e os trens menos antigos sempre deron moitos problemas por deseño de fabricación, ao que hai que sumar “o deficiente mantemento pola falta de repostos debido aos escasos orzamentos para esta zona”.

Outro dos asuntos tratados é a non presenza de persoal ferroviario de Renfe nas estacións de Viveiro, Xove, Burela e Ribadeo, que obriga os viaxeiros a comprar os billetes nas máquinas de autovenda instaladas nas estacións, cuestión que prexudica os usuarios de idade avanzada. A empresa ten a intención de cambiar as máquinas de autovenda por terminais con operadores telemáticos para a información e venda dos títulos de transporte.

CCOO sinala que “cremos que a oferta de servizos ferroviarios é insuficiente, xa que só hai catro servizos por sentido e día entre Ferrol e Ribadeo, dous dos cales son conexións con Asturias, e deberíanse realizar xestións para incrementar a oferta cun servizos de proximidade que nalgún caso tería que ser entre Ribadeo e Viveiro, con prolongación dalgún ata Ortigueira para dar un servizo de calidade en toda a comarca a estudantes, traballadores e demais usuarios, e aproveitar a intermodalidade cos buses na estación de Burela para conectar co Hospital da Mariña e os institutos”.

Expuxémoslles que A Mariña é unha zona pola que se desprazan moitos turistas en época estival, ademais de en datas puntuais como a Semana Santa e coincidindo con eventos folclóricos e festivais musicais, polo que sería importante incrementar os servizos ferroviarios nestas datas e que se solicitase a construción dun apeadoiro xunta a praia das Catedrais, que é un dos puntos máis visitado de Galicia, polo que parece inconcibible que non teña unha parada ou ferrocarril.

Respecto ao anunciado polo Goberno da gratuidade a partir de setembro dos abonos de transporte en proximidades e media distancia convencional, considerados de obriga de servizo público, os usuarios do tren na Mariña non se van beneficiar da medida, xa que nas liñas de vía estreita só existen abonos multiviaxe nos tramos de proximidade e nesta en concreto só existe como tal o traxecto comprendido entre Ferrol e Ortigueira.

Por todo o exposto, transmitíuselle esta información aos alcaldes dos concellos por onde discorre esta liña para que, a través dos organismos competentes, se realicen as reclamacións e xestións oportunas. Tamén todos os axentes sociais para acordar as accións que se estimen convenientes co fin de conseguir un mellor servizo ferroviario.

CCOO lembra que desde a Unión Europea hai unha aposta polo ferrocarril como medio de transporte máis ecolóxico e sostible, “e téñense que presentar proxectos para que estean incluídos nos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, entre os cales deberían incluírse os necesarios para o impulso desta liña ferroviaria”.

 

ÚLTIMAS

O xuíz do ‘caso Alcoa’ alonga seis meses máis a investigación sobre a venda das plantas da Coruña e Avilés

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga a querela que presentou en 2020 a Confederación...

Alcoa pide “flexibilidade” ao Goberno e sindicatos para “o éxito” da venda de San Cibrao

Alcoa advirte de que "o éxito" de venda do complexo de San Cibrao, no...

Ribadeo pon en marcha o programa ‘Unha escola, un horto’

O Concello pon en marcha o programa Unha escola, un horto en 4 centros...

Burela acolle o XIV Encontro de Palilleiras este sábado

O Concello de Burela acollerá este sábado, día 18 de maio, o seu XIV...