O Ministerio de Industria espera manter unha reunión “nos próximos días” na que Alcoa explique “a todas as partes interesadas” os termos da proposta que trasladou este luns ao comité de empresa “con maior detalle”.
En particular, o departamento de Reyes Maroto refírese ao plan industrial, co interese de que a multinacional “detalle os investimentos necesarios para garantir as capacidades industriais e a competitividade da planta”.
Así mesmo, o Ministerio ve “necesario un maior detalle sobre as actuacións que garantan a base actual de clientes e os seus contratos de subministración”.
Industria recibiu na tarde deste luns a proposta que Alcoa dirixiu aos representantes sindicais da súa planta en San Cibrao e que, indica, “baséase no desenvolvemento dun plan de viabilidade que ofrece a continuidade do emprego e unha solución para a fábrica a medio-longo prazo“.
Así, apunta a que Alcoa “asume varios compromisos” e enumera o permiso retribuído aos traballadores durante o cesamento temporal; o compromiso de non acometer despedimento colectivo algún en catro anos, ata 2025; o rearranque das cubas o 1 de xaneiro de 2024 ata chegar ao 100% da produción de aluminio primario e o intento de alcanzar canto antes preacordos de subministración eléctrica para un período de medio-longo prazo a partir de 2024.
Tamén expón o cesamento transitorio da actividade de electrólise e da planta de ánodos, coa consecuente parada das cubas, sinala.
“A posición do Goberno de España sempre se orientou cara a dous obxectivos que deben ir necesariamente da man: o mantemento do emprego e o mantemento da capacidade produtiva de aluminio primario da planta, a medio e a longo prazo”, destaca.
Por iso agarda manter unha reunión nos próximos días na que Alcoa dea detalles a todas as partes interesadas, segundo o departamento de Maroto, a “Goberno de España, Xunta de Galicia e comité de empresa”.
Por último, o Ministerio de Industria reitera “o compromiso firme do Goberno co mantemento da planta e dos postos de traballo” e “a confianza” en que, de traballar “xuntos” Goberno, Xunta, sindicatos e empresa, chegará “unha solución definitiva que garanta o futuro da planta”.