InicioEconomíaA reapertura do bonito, para pesca accidental, non afectará á flota burelesa

A reapertura do bonito, para pesca accidental, non afectará á flota burelesa

Os armadores acollen con incredulidade e malestar a decisión do Goberno central, que non beneficiará aos participantes da campaña dirixida

Publicada o

- Advertisement -

Cunha nota de apenas tres párrafos, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación informou ao mediodía da reapertura da pesquería do bonito do norte no Atlántico a partir das 00.00 horas deste xoves, 11 de outubro. A última hora da tarde, precisou noutro comunicado que só haberá cota para pesca accidental ou accesoria, polo que a flota burelesa non se beneficiará da decisión do Goberno central.

NON SE RENOVARÁN OS PERMISOS

Así, o Executivo precisou que non se renovarán os permisos revocados o pasado 23 de agosto, cando rematou a campaña máis curta de sempre. Manterase, polo tanto, a prohibición da pesca dirixida, co que a flota do Cantábrico quedará como estaba.

49 DÍAS DESPOIS

Cal é a razón de que se abra a pesquería 49 días despois? Segundo explica o Goberno, un intercambio con Portugal que permitiu unha revisión á alza da cota. Sen embargo, non se especifica canta cantidade se poderá pescar nin tampouco en que outras pesquerías se cedeu para acadar a reapertura.

SAÍR A FAENAR, “UN RISCO”

O anuncio do Executivo foi acollido entre os armadores con sorpresa e malestar. Ninguén entende o beneficio desta decisión.

O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, Sergio López, expón que un palangreiro de superficie dificilmente volvería ao bonito. “Unha vez se desarma un barco, rearmalo para a costeira leva días: hai que facer papeis, permisos, e sobre todo, atopar o túnido require tempo. A primeira parte da campaña é para buscar os bancos e agora habería que volver facelo”, expón.

Cando pechou a pesquería, o bonito estaba preto da costa, polo que a flota capturou peixe en abundancia, que se vendeu a un prezo aceptable. Agora, ninguén garante que se repita esta situación e retomar a pesquería suporía “un risco para calquera armador”, conclúe.

INCREDULIDADE

López non comprende “por que en lugar de gastar cota agora non se reserva para o ano que vén”, unha reflexión que comparte Basilio Otero, o patrón maior de Burela nos últimos anos e candidato nas eleccións ás confrarías celebradas no pasado mes de setembro. “A sensación é de incredulidade e de malestar. Causa enfado a nota e causa enfado a ampliación da nota. Hai compradores que nos están a preguntar se isto é unha broma”, subliña Otero. 

ÚLTIMAS

A exconcelleira de Igualdade de Viveiro dimite e renuncia á súa acta como edila

A exconcejal de Igualdade en Viveiro, Lara Fernández-Noriega, decidiu presentar a súa dimisión e...

Cervo Concilia para esta Semana Santa

O Concello de Cervo puxo en marcha unha nova edición de Cervo Concilia nesta...

Burela acollerá o XV Encontro de Palilleiras o 17 de maio

O Concello de Burela, en colaboración coa asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras...

Récord de participación na Carreira das Praias en Barreiros

O circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros segue a medrar e a consolidarse como un...