InicioEconomíaPromoven a extracción de resina como un complemento para o sector forestal

Promoven a extracción de resina como un complemento para o sector forestal

Empresas e centros de investigación desenvolven un modelo produtivo que permita o aproveitamento resineiro das plantacións de pinos en Galicia e Asturias

Publicada o

- Advertisement -

Un grupo operativo formado por empresas do sector forestal e centros de investigación promoven o aproveitamento resineiro dos piñeirais galegos e asturianos.

O proxecto presentouse este mércores na Casa da Cultura de Taramundi onde explicaron as liñas de traballo iniciadas co obxectivo de desenvolver un modelo de extracción adaptado ás particularidades ambientais e socieconómicas destas zonas do noroeste peninsular, e compatible coa produción de madeira.

O grupo operativo centra as súas investigacións na variedade pinus pinaster

Os promotores do grupo incidiron na oportunidade de volver apostar polo potencial dun sector que viviu a súa época dourada na Península –nomeadamente na zona occidental de Castela e Léon, e Portugal- na década dos sesenta pero que decaeu nos anos seguintes afogado polo crecemento da oferta exterior.

RENDIBILIDADE

Erika Martínez, coordinadora do proxecto, explicou que nos últimos anos o interese pola resina producida en España se ten incrementado, subindo os prezos que se pagan por esta materia prima.

A caída da produción en países como Brasil ou China, o desenvolvemento de novas aplicacións industriais da resina e a proliferación de axudas europeas a proxectos de desenvolvemento rural e xestión forestal sostible debuxou este novo escenario.

A colofonia e a augarrás, derivados da resina, teñen múltiples aplicacións na industria química, cosmética ou alimentaria

Segundo as súas estimacións iniciais, a extracción de resina dunha hectárea de piñeiros –unhas 800 árbores- podería supoñer unha renda duns 2.000 euros anuais. Iso si, para realizar a primeira pica da corteza habería que agardar ata que as árbores alcanzasen un diámetro duns 20-25 centímetros. A resina implicaría un incremento da rendibilidade das plantacións coa obtención destas rendas periódicas.

CONTRA OS INCENDIOS

Ademais dos beneficios económicos, os promotores da iniciativa subliñan os valores sociais e ambientais da actividade resineira. Sinalan o sector como unha vía para crear postos de traballo estables no medio rural, para recuperar superficie forestal abandonada e para previr incendios. “Só por este motivo, debería ser un sector polo que a administración apostase de forma decidida” defendí na palestra o investigador da Misión Biolóxica de Galicia, Rafael Zas.

RETICENCIAS

O científico estuda as posibles repercusións da actividade resineira sobre a saúde das plantacións de pino, especialmente no que ten que ver co nematodo do pino, unha das principais ameazas para o sector forestal europeo desde que a praga se detectara por primeira vez en Portugal en 1999.

As investigacións pretenden clarexar un asunto que se formula como reticencia fronte a aposta polo aproveitamento resineiro. O outro ten que ver coa compatibilidade coa produción de madeira. Os promotores da actividade defenden que o resinado non debería mermar a súa calidade máis aló dun 5%, pero recoñecen que “falta que os propietarios e a industria madeireira o crean”. Os traballos a desenvolver pretenden achegar razóns científicas contra o que califican de “temores infundados”.

GRUPO OPERATIVO

O grupo operativo, coordinado pola consultora forestal lucense Letme Soluciones, conta coas achegas da Misión Biolóxica de Galicia (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural da USC, do Centro Tecnológico Forestal y de la Madera, ademais da empresa segoviana Sociedad de Resinas Naturales e da sociedade anónima laboral Rincón de la Vega.

O grupo de “Adaptación de la actividad resinera a masas de pinus pinaster con fines productores de madera” (ACREMA) comezou a traballar en proxectos piloto en Galicia en 2014, con plantacións en Porto do Son, Culleredo e Ferreira de Pantón. En Asturias, están sobre o terreo desde 2017 con iniciativas experimentais en Taramundi, Boal e Tineo.

As conclusións obtidas nos diferentes campos de investigación compendiaranse nun manual técnico que sirva como referencia dun modelo de produción propio para o noroeste peninsular.

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa pide de novo a convocatoria da mesa de seguimento

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao pediu por segunda vez unha...

A Deputación participou en Foz nun foro sobre a problemática da vivenda

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e a Deputada...

Terceira limpeza nas parroquias de Ribadeo

Ribadeo aposta polas parroquias e acomete nelas a terceira limpeza. O alcalde, Dani Vega,...

Viveiro envía máis de 3.000 notificacións para garantir a prevención de incendios nas parcelas

Co obxectivo de conservar o solo e a biomasa vexetal nunhas condicións que permitan...