Membros do comité de Cyrgasa ao completo e delegados da CIG doutras auxiliares de Alcoa San Cibrao realizaron esta mañá unha acción de protesta simbólica en defensa do emprego e “contra o desmantelamento” da factoría de aluminio. A acción consistiu nun reparto de follas informativas entre os traballadores que entraban na quenda da mañá e desenvolveuse coincidindo co inicio do período de consultas dos Expedientes de Regulamento Temporal de Emprego (Erte) presentados polas auxiliares Cyrgasa e Reymogasa, con alomenos 46 obreiros afectados (13 e 33, respectivamente).
Dentro dun contexto de estado de alarma, os sindicalistas exerceron unha acción que entra dentro das posibilidades que permite a normativa. As negociacións do Erte en Reymogasa comezaron este venres, mentres que en Cyrgasa prevese que se inicien o vindeiro martes.
Esta acción, asegura a central nacionalista, forma parte das medidas contra a decisión da multinacional do aluminio de non reconstruír as cubas de electrolise ao remate da súa vida útil, “avanzando así no plan de desmantelamento da factoría de San Cibrao”. Nunha reunión mantida co comité de empresa, Alcoa negouse a reconsiderar unha postura que cualifica de “temporal”, pero que de non suspenderse suporá a perda de “90 dos 512” elementos de maquinaria “de aquí até final de ano”, remarca o sindicato.
“Alcoa aprovéitase da emerxencia sanitaria da Covid-19 para continuar co desmantelamento da factoría, seguindo un proceso similar ao levado a cabo nas plantas da Coruña e Avilés“, advirte a CIG, que sostén que trala decisión de renunciar ao cambio de cubas “só queda poñer data de peche a aluminio”.
SUSPENSIÓN DE HORAS EXTRAS E MOCIÓNS NOS CONCELLOS
A plataforma de auxiliares de Alcoa -que aglutina a representación sindical en 21 empresas- acordou a suspensión das horas extraordinarias e promover a presentación de mocións de apoio en todos os concellos da Mariña, instando, entre outras demandas, a Xunta e o Goberno español a intervir na defensa dos empregos e da actividade industrial.