Tras dous días sen despedimentos, a dirección de Sargadelos executou este mércores dous cesamentos na fábrica de Cervo. Unha das operarias despedidas levaba dous anos na factoría, mentres que a outra prestou servizo na cerámica cervense desde o ano 1987.
Esta última traballadora foi castigada por Sargadelos no 2016, cando estalou o conflito entre o conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, e a delegada sindical da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Rogelia Mariña.
a operaria, con 31 anos na fábrica, negárase a traballar media hora máis sen remuneración e fora trasladada a sada
A obreira cesada este mércores negárase a traballar media hora máis, a petición da empresa, sen percibir a cambio unha compensación económica, o que provocou que a dirección a enviase a traballar durante días á fábrica de Sada. Esta circunstancia motivou o enfrontamento entre Mariña, cesada daquela, e García, que tivo que readmitir á sindicalista por unha sentenza xudicial en febreiro deste ano.
UXT: “PERVIRTE A VOTACIÓN”
O secretario comarcal de UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro), Eladio Quelle, afirma que esta persoa “non asinou a carta impulsada pola empresa para destituír a Rogelia”, e sostén que “Sargadelos quere quedar só cos afíns” de cara á asemblea de traballadoras que está prevista para o 11 de setembro, na que se votará se a delegada sindical de UXT continúa no seu cargo.
48 operarias forzaron a reunión co seu voto porque, aseguraron nun comunicado, “non se sentían representadas por Mariña”. A maioría destas persoas, de feito, entrou a traballar en Sargadelos no último ano e medio.
garcía responde que a maioría das despedidas entraron no último ano e medio e “votarían pola destitución da sindicalista”
García sae ao paso destas acusacións e sinala que “a maioría das despedidas son traballadoras que levan aquí pouco tempo e votarían en contra da sindicalista na asemblea, así que de ningunha maneira se está a pervertir a asemblea”.
O conselleiro delegado argumenta que os dous despedimentos deste mércores “son unha resposta ás demandas interpostas por UXT contra a miña persoa e contra a empresa, nas que piden 200.000 euros”, e asegurou que presentará alegacións contra as mesmas. “Queren arruinar a empresa”, sostén García.
TUTELA XUDICIAL
UXT, pola súa banda, pediu ao Xulgado nº 2 do Social de Lugo “axilidade” na aplicación da tutela xudicial. García ten cinco días para presentar reclamacións, pero desde ese prazo o xulgado podería tomar medidas cautelares, como parar os cesamentos ou nomear un administrador temporal, dilixencias que o sindicato reclama ao entender que a súa afiliada e o cadro de persoal viven unha situación de “indefensión” polas decisións da empresa.
SEN UN CUARTO DO PERSOAL
Sargadelos despediu a 21 persoas -executáronse 22 cesamentos, pero unha das obreiras foi readmitida– desde o 17 de agosto, cando a dirección anunciou 49 despedimentos que xustificou dentro do contexto de enfrontamento coa delegada sindical da UXT. Mariña segue sen poder volver ao seu posto, cun permiso retribuído concedido de forma unilateral pola empresa.
García insiste en que “hai carga de traballo” malia quedar a fábrica sen aproximadamente unha cuarta parte do cadro de persoal. “Estamos retrasando as entregas e tirando como podemos”, asegura.
CxG PIDE UN PLENO EXTRAORDINARIO
Compromiso por Galicia, partido sen representación na corporación municipal de Cervo, solicitou a celebración dunha sesión plenaria de carácter extraordinario para que o pleno se posicione contra “as actuacións do conselleiro delegado” e solicite a intervención das “administracións central e galega”.