InicioEconomíaO conflito de Sargadelos abócase á vía xudicial tralo despido dunha afiliada...

O conflito de Sargadelos abócase á vía xudicial tralo despido dunha afiliada da UXT

Sindicato e empresa negan a posibilidade dun acordo tralo fracaso da primeira reunión e o despido de dúas traballadoras, unha delas con 24 anos na fábrica

Publicada o

- Advertisement -

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) expresou este venres a súa “renuncia” a atopar unha solución negociada ao conflito laboral de Sargadelos, despois de que a dirección da firma despedise a dúas traballadoras, “unha delas afiliada ao noso sindicato”. A empresa, que asegura que “non sabía da afiliación desta operaria”, afirmou que o diálogo entre as dúas partes é “imposible, alomenos a curto prazo”.

A UXT interpreta este despido como unha “agresión” despois dunha primeira xuntanza que deixou clara a distancia entre as dúas posturas, e sostén que esta persoa “foi unha das non asinantes na recollida de sinaturas promovida pola empresa para forzar a demisión da nosa delegada”.

o sindicato entende o despido como unha “agresión” e a empresa asegura que “non sabía da súa afiliación”

O conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, e Manuel García Salgado, secretario de organización e coordinación da Área Interna da Federación de Industria da UXT, participaron nunha tensa reunión na que non houbo achegamentos. O dirixente sindical asegurou que “non hai acordo posible cunha persoa que quere facer unha limpeza étnica na planta” e resalta que “este señor será o dono da empresa, pero en ningún caso é o propietario das persoas”.

O secretario comarcal de UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) na Mariña Lucense, Eladio Quelle, afirma que “fixemos todo o posible” para atopar unha saída pactada, pero conclúe que a solución a este enfrontamento darase “pola vía xudicial”. García, pola súa banda, retou de novo ao sindicato. “A UXT propasouse esta vez e se me queren demandar pola vía penal, que o fagan”, concluíu.

Quelle lembra que nin o sindicato “nin a nosa delegada, Rogelia Mariña, interpuxeron ningunha demanda contra a empresa nin contra a dirección”, e resalta que “somos os maiores interesados en conservar os postos de traballo nunha empresa emblemática, pero non imos mirar para outro lado cando a Inspección de Traballo ten 267 requerimentos contra Sargadelos”.

A UXT defende á súa representante na fábrica e recorda que Mariña “leva 44 anos na empresa, foi condecorada e proposta no seu día para formar parte do Consello de Administración de Sargadelos, e moitos dos dereitos conseguidos na planta foron polo seu esforzo”. Afirma que hai “inquina” contra a súa delegada, despedida no 2016 de forma improcedente e readmitida no pasado mes de febreiro por unha sentencia xudicial.

CC OO, “CÓMPLICE NECESARIO”

O sindicato socialista acusa a Comisións Obreiras (CC OO) de “insolidaridade” e de actuar como “cómplice necesario” na situación de “vulneración de dereitos fundamentais dos traballadores que se está a dar na planta”.

24 ANOS DE SERVIZO

No seu pulso contra a UXT e logo dun día sen despedimentos, o cesamento de dúas obreiras supón un órdago por parte da firma, pois a maioría das operarias destituídas desde o pasado venres levaba pouco tempo na empresa. Sen embargo, as dúas traballadoras despedidas contaban cunha longa traxectoria en Sargadelos, especialmente unha delas, con 24 anos de servizo na fábrica de cerámica cervense.

o grupo empresarial segue coa súa folla de ruta; tramitou 19 dos 49 despedimentos anunciados

Así, a firma segue coa folla de ruta anunciada o pasado venres; executou 19 dos 49 despidos prometidos de non cesar “a presión sindical”.

ASEMBLEA

Respecto da solicitude de asemblea que realizaron un grupo de traballadoras e asinaron 48 das 76 operarias, coa fin de debatir na xuntanza a destitución de Mariña, non hai por agora data concreta para a reunión, que podería coñecerse o vindeiro luns.

A EMPRESA CRITICA Á XUNTA

O conselleiro delegado de Sargadelos mostrou a súa disconformidade coa “tarefa de mediación da Xunta de Galicia”, que está a ser, dixo, “nefasta e non está a dar ningún resultado”. E afirmou que “non temos nada que agradecerlle ao Goberno galego, que non nos axudou nada”.

XUNTA E DEPUTACIÓN CRUZAN ACUSACIÓNS

O portavoz de goberno da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos, lembrou que “o Goberno galego ten competencias en materia de emprego” e instou á Xunta de Galicia a “implicarse na pacificación” no conflito laboral de Sargadelos. O grupo provincial do PP afeoulle a Santos e recriminou ao secretario xeral do PSOE “que pretenda defender aos obreiros de Sargadelos cando estivo desaparecido mentres 29 traballadores de Suplusa non cobraban as súas nóminas”.

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa pide de novo a convocatoria da mesa de seguimento

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao pediu por segunda vez unha...

A Deputación participou en Foz nun foro sobre a problemática da vivenda

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e a Deputada...

Terceira limpeza nas parroquias de Ribadeo

Ribadeo aposta polas parroquias e acomete nelas a terceira limpeza. O alcalde, Dani Vega,...

Viveiro envía máis de 3.000 notificacións para garantir a prevención de incendios nas parcelas

Co obxectivo de conservar o solo e a biomasa vexetal nunhas condicións que permitan...