Despois de que un grupo de traballadoras de Sargadelos enviase á Xefatura Territorial do Servizo de Emprego unha solicitude de asemblea do cadro de persoal co obxecto de discutir a destitución da representante da Unión Xeral de Traballadores (UXT) na fábrica, Rogelia Mariña, o conflito na fábrica de Cervo arrefriou este xoves, alomenos por un día.
O grupo empresarial suspendeu os cesamentos este xoves e mesmo readmitiu a unha das persoas despedidas desde o pasado venres, cando a dirección anunciou 49 despedimentos se non remataba a “presión sindical” que, segundo a firma, estaba a exercer a delegada sindical da UXT. O sindicato resaltou, pola súa banda, que “estamos dispostos a sentar a falar coa empresa se esta considera os cauces legais”.
o sindicato nega que a demisión de mariña sexa unha opción sobre a mesa pois “é a menos culpable de todo isto”
Logo de tramitar unha solicitude de tutela xudicial que resolverá o Xulgado do Social nº 2 de Lugo, o sindicato mantén a súa intención de “ir ata o final de continuar a situación de indefensión da nosa afiliada”, e nega que a demisión de Mariña sexa unha opción sobre a mesa. “En ningún caso, porque é a menos culpable de todos”, resaltou Eladio Quelle, secretario comarcal de UXT-FICA (Federación de Industria, Construcción e Agro) na Mariña Lucense.
O representante sindical afirma que “estamos pola vía do diálogo” e lembra que a UXT “non interpuxo ningunha demanda”. O conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, xustificou os despedimentos anunciados nas “ameazas de Mariña” de impugnar por irregularidades os contratos de 49 operarias dadas de alta no último ano e medio. Mesmo recoñeceu, nun escrito, que o grupo empresarial cometeu 262 infraccións no ámbito laboral.
15 DESPEDIMENTOS ATÉ AGORA
Desde o pasado venres, a dirección de Sargadelos despediu a un total de 15 empregadas –16 de contar a persoa readmitida-, polo que o cadro de persoal fica reducido a 76 operarias. Máis da metade, 48, asinaron o documento entregado para forzar a asemblea de traballadoras, que se celebrará previsiblemente a principios do mes de setembro. Para destituír á sindicalista, precisarase alomenos o 51% dos votos do total de asistentes á xuntanza.
sargadelos executou desde o venres 15 despidos, co que o cadro de persoal fica reducido a 76 operarias
CC OO PODERÍA GAÑAR UNHA AFILIADA
As traballadoras que impulsaron o documento para forzar a convocatoria da asemblea aseguran que “non presentarán candidata”. De ser destituída Mariña, será suplida por unha operaria afiliada a CC OO. Fontes deste sindicato reiteran que lles “falta información” para tomar medidas e que prefiren “non xudicializar o caso polo de agora”, xa que “a empresa vese forte porque ten o apoio do cadro de persoal“.
48 persoas asinaron o escrito para forzar a asemblea que decidirá sobre o cargo da delegada de uxt
“NÓS SOMOS AS AFECTADAS”
As operarias, que na súa gran maioría entraron no último ano e medio na planta, sinalan que “nós somos as que nos podemos ver afectadas” polos 49 despedimentos que anunciou García e reiteran que “non se sinten representadas” por Mariña, que foi despedida de forma improcedente no 2016 -cando boa parte do cadro de persoal non entrara a traballar– e readmitida en febreiro deste ano logo dunha sentenza xudicial. Por iso, aseguran, tentaron buscar “unha solución desde dentro” sen “ningún tipo de coacción por parte da empresa”, argumentan.