InicioEconomíaA UXT acusa a Sargadelos de impulsar unha recollida de sinaturas para...

A UXT acusa a Sargadelos de impulsar unha recollida de sinaturas para forzar a demisión da súa delegada

O sindicato solicitará a tutela xudicial ao entender que o conselleiro delegado "chantaxea e coacciona" aos traballadores ao "condicionar os postos de traballo a asinar o documento"

Publicada o

- Advertisement -

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) denuncia que o conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, elaborou un documento entregado aos empregados no que se compromete a deixar sen efecto os despedimentos executados na fábrica de Cervo e non cesar a ningún outro operario se os propios obreiros esixen, coa súa sinatura, a demisión da representante do sindicato, Rogelia Mariña.

Para a UXT, esta práctica é unha “clara chantaxe e coacción”. O coordinador de servizos xurídicos do sindicato, Pedro Blanco, entende que a medida da empresa constitúe “acoso laboral”, ao supeditar a anulación dos despedimentos á marcha da sindicalista. Por iso, a organización sindical solicitará a tutela xudicial e utilizará “a vía penal se fose necesario”, ante os “ataques directos e persoais contra a dignidade da nosa afiliada, que foi elixida polas súas compañeiras durante máis de 30 anos”.

a uxt denuncia que se dá “acoso laboral” ao supeditar a anulación dos despedimentos á marcha da súa representante

Fontes do sindicato aseguran que a intención da empresa é “dividir ao cadro de persoal”, que non conta con comité de empresa. As últimas eleccións sindicais realizáronse cando traballaban unhas 50 obreiras na fábrica de Sargadelos, cando no último ano e medio o grupo empresarial incrementou ata cen o número de operarias en Cervo. Actualmente, hai dúas representantes sindicais

Consultado sobre esta denuncia, o conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, declinou facer declaracións ao respecto e reiterou a súa intención de “pechar a fábrica” de continuar a “presión sindical” sobre a directiva.

o conselleiro delegado declina confirmar ou desmentir a acusación da uxt

DESPEDIMENTOS

Blanco sinala que ata o de agora ten noticia de que se executaron “oito despedimentos” o pasado venres. As persoas despedidas foron as últimas en entrar a traballar na fábrica, con independencia da sección que ocupasen, pois unha delas -segundo fontes sindicais- exercía como deseñadora. A xustificación destes cesamentos baséase en “medidas disciplinarias, por baixo rendemento”, expón, e nega que exista unha “causa obxectiva” dos mesmos.

A UXT solicitou á dirección da empresa que presente aos delegados sindicais documentación precisa sobre os despedimentos, tanto os realizados como os anunciados, un total de 49. Desde a directiva da Unión Comarcal de Comisións Obreiras (CC. OO.) na Mariña, o outro sindicato con representación na fábrica, sinalan que lles foi imposible contactar co conselleiro delegado da firma e que lles “falta información” para tomar medidas ao respecto, de xeito que valorarán a situación “nos vindeiros días”.

O ALCALDE CHAMA “AO ENTENDEMENTO”

Segundo informou Galicia Confidencial, o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, emprazou aos donos da fábrica de cerámica e aos representantes dos traballadores a buscar “un entendemento” para “evitar que se leven a cabo as formulacións que se fixeron desde a dirección da empresa”, en alusión ao anuncio de Sargadelos de que despediría a 49 operarios, case a metade do seu cadro de persoal. Isto suporía, segundo o propio conselleiro delegado, quedar “sen obreiros suficientes” para atender a demanda

Villares sinala que “é unha situación moi preocupante para Cervo”, aínda que lembra que se trata “dunha empresa privada, que non pública, e diso hai que ser conscientes”. Respecto diso, lembrou que a compañía xa “pasou por un momento crítico hai uns anos e saíu adiante pola achega de capital do socio maioritario“. Sargadelos saíu en 2016 dun concurso de acredores no que entrou de forma voluntaria en 2014.

ÚLTIMAS

Centos de persoas reclaman en Viveiro unha mellor sanidade pública e presentan 6.000 sinaturas de apoio

Centos de persoas --segundo os convocantes-- volveron a saír ás rúas de Viveiro para...

Arquivada a investigación sobre os vídeos de mulleres ouriñando na Maruxaina por falta de “indicios criminais”

O Tribunal de Instancia de Viveiro, praza nº1, acorda o sobresemento provisional da causa...

Dous feridos nun accidente entre dous vehículos en Foz

Dúas persoas resultaron feridas e unha delas tivo que ser excarcerada...