InicioEconomíaPesca rectifica e a flota burelesa poderá faenar ao bonito ata o...

Pesca rectifica e a flota burelesa poderá faenar ao bonito ata o 23

A OPP quéixase da falta de cota e sinala que, dada a abundancia do túnido, "poidemos duplicar o beneficio"

Publicada o

- Advertisement -

O Ministerio de Agricultura, Gandería e Pesca deu marcha atrás tras anunciar a pasada semana o peche da costeira do bonito o día 18 de agosto. A flota burelesa terá uns días máis de marxe para participar na campaña do túnido do norte, ao estirar o Goberno central a data límite. Estará permitido faenar ata as 00.00 horas do día 23.

Pesca cambiou de plans ao constatar un descenso no ritmo de pesca do bonito nos últimos días. A día 9 de agosto, a flota española esgotara o 75% da cota de 15.015 toneladas asignada pola Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT). O pasado martes só se cubrira o 83% do cupo, polo que o ministerio decidiu ampliar o marxe para aproveitar toda a cantidade permitida.

o ritmo de pesca baixou e nunha semana só se consumiu o 8% da cota española

MÍNIMO ALIVIO

A prolongación da costeira supón un mínimo alivio para a flota burelesa, dada a importancia do respiro económico que supón durante o verán para embarcacións que teñen como principal sustento ao longo do ano o peixe espada ou a pescada. Na última década, o bonito converteuse nunha pesquería refuxio, que permite aos buques conservar cota doutras especies e seguir a traballar.

“DOUS MESES DE COSTEIRA”

O peche, moito máis rápido do habitual, é a nota negativa dunha costeira que estaba a ofrecer moito peixe e a un prezo aceptable. “Imos ter unha campaña que, se pensamos que en xuño hai habitualmente poucas capturas, vai durar só dous meses, cando normalmente se prolonga catro ou cinco”, lembra Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo.

DESEQUILIBRIO

A campaña do bonito deste 2018 foi lucrativa, pero -ao ser unha cota única estatal- non tanto para a flota galega como para a vasca. “O bonito atopouse con facilidade no golfo de Biscaia, preto da costa, e iso fixo que moitas embarcacións pequenas participasen na costeira. Outros anos, o desequilibrio foi en Canarias, onde se pescou moito. Houbo moita cantidade de recurso, pero a nós non nos tocou tanto”, expón López.

OS TAC ESTIVERON “MOI POR DEBAIXO DAS RECOMENDACIÓNS BIOLÓXICAS”, sinalan os empresarios

“NON SE FIXERON BEN AS COUSAS”

O xerente da OPP Lugo critica o peche temperán da pesquería e sinala que “non se fixeron ben as cousas. A Comisión Europea non se fixo valer nas reunións do ICCAT e os totais admisibles de capturas (TAC) estiveron moi por debaixo das cifras que se manexaban nas recomendacións biolóxicas. Esa é a razón do punto no que nos atopamos”, apunta López, que engade que “foi unha boa campaña, pero quedamos a medias e non foi por culpa nosa. Poidemos duplicar o beneficio”, remata.  

ÚLTIMAS

Operativo nas Catedrais: buscan dúas persoas que poden estar atrapadas nunhas rochas

Os servizos de emerxencias manteñen activo un operativo para buscar a dúas persoas que...

10.000 abonos do Resurrection Fest á venda este xoves 10 de setembro a partir das 12:00

O Resurrection Fest Estrela Galicia saca á venda este xoves, 10 de setembro (a...

O sector pesqueiro reclama a Bruxela levantar o veto sobre o palangre “pedra-bola”

CEPESCA, Europêche e OPP Burela reclamaron este mércores no Parlamento Europeo unha modificación urxente...

PP de Lugo acusa ao Goberno de “esconder o seu incumprimento” coa autovía da Mariña

O senador do PP pola provincia de Lugo José Manuel Balseiro acusou ao Goberno...