InicioEconomíaO peche do bonito, o día 18, trastorna os plans da flota...

O peche do bonito, o día 18, trastorna os plans da flota burelesa

A decisión de Pesca de cerrar a campaña antes do previsto será "difícil de xestionar" para os participantes, que ven "poucas alternativas" ao túnido en verán

Publicada o

- Advertisement -

Nunha época que soe supoñer o ecuador da campaña, o Ministerio de Pesca decretou o peche da costeira do bonito a partir do 18 de agosto, unha decisión motivada polo esgotamento da cota. Segundo o Goberno central, a estas alturas capturouse o 75% das 15.015 toneladas de túnido asignadas a España. A decisión de cerrar a pesquería trastocará os plans da flota burelesa, que queda con poucas alternativas para o que resta de verán.

FINAL “INESPERADO”

No 2017, o Executivo central pechou a costeira o 13 de outubro e no 2016 a pesca do túnido rematou o día 5 dese mesmo mes. Por iso, aínda que o alto nivel de capturas neste 2018 presaxiaba un final próximo, a flota non contaba con que fose inminente.

O ALTO NIVEL DE CAPTURAS PRESAXIABA UN FINAL PRÓXIMO, PERO NON INMINENTE

“Non é un remate abrupto, pero si inesperado”, expón Basilio Otero, patrón maior de Burela, que define a sensación agridoce na confraría burelesa. “Por un lado estamos contentos, porque pescouse moito nesta campaña, pero tamén tristes, porque isto supón un trastorno. Vai ser complicado de xestionar”, admite.

PESQUERÍA REFUXIO

Otero explica que nos últimos anos o bonito converteuse nunha pesquería refuxio, unha alternativa que serve para que as embarcacións garden cota doutras especies que as sustentan todo o ano, como a pescada ou o peixe espada. Por iso, os escasos buques de Burela que participan nesta campaña, menos de dez, volverán faenar aos seus sosténs e esgotar cantidades.

MALA ÉPOCA PARA O ESPADA

Iso se poden. José Ramón Lamelas, armador do barco tapiego Ramón Estefanía, que opera en Burela, resalta que agosto e setembro -propicios para o bonito- son meses malos para andar ao peixe espada. “Pódese pescar ben a partir de outubro. Nós non podemos ir ao polbo ou ao percebe. A outra opción que temos é a quenlla, pero a un prezo dun euro o quilo non nos compensa, porque non somos capaces de traer grandes cantidades”, apunta.

“a Quenlla, a un euro o quilo, non compensa porque non traemos cantidades grandes”, apunta o armador do ramón estefanía

“AMARRAR, UNHA OPCIÓN”

O armador expón o malestar da flota e a súa indecisión tralo anuncio do peche da pesquería. “Esperamos todo o ano ao bonito e agora pechamos en agosto”, sinala. A tripulación do Ramón Estefanía vén de descargar e volverá faenar o luns para exprimir os últimos coletazos da costeira. Despois do día 18, a incerteza. “Non sei o que faremos. Sinceramente, non sei se andaremos á quenlla ou se amarraremos durante un tempo”, afirma Lamelas.

ABUNDANCIA E PROXIMIDADE

Por que se esgotou a cota tan rápido este ano? A abundancia de bocarte atraeu ao bonito a zonas moi próximas á costa no golfo de Biscaia. Iso favoreceu que embarcacións tradicionais, de pouco porte, decidiran este ano utilizar o permiso para participar nunha costeira lucrativa. Así, as lonxas de Gipúzkoa descargaron o 45% do bonito fresco alixado en España nesta costeira. “E tivemos sorte que nas Canarias non se pescou coma outros anos, porque se non estariamos a falar dun peche anterior”, sinala Otero.

O BOCARTE ATRAEU AO TÚNIDO PRETO DA COSTA E EMBARCACIÓNS DE POUCO PORTE DECIDÍRONSE A PARTICIPAR NA COSTEIRA

AS CANTIDADES E PREZO MEDIO, POSITIVOS

Con todo, as cifras deste 2018 están a ser positivas. Segundo os datos de Pesca de Galicia, ata o de agora alixáronse en Burela 705.397,50 quilos de bonito do norte, 148.000 máis ca o ano pasado por estas datas. Ademais, o prezo medio alcanzado no que vai de campaña é aceptable, con 4,30 euros.

“Se se vendese a un custo máis baixo poderiannos chamar irresponsables por non parar, pero non foi así”, expón Otero, que afirma que a cota se converteu nunha preocupación para a flota. Unha situación complexa, dado que o bonito depende da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT). “Esperemos que a Unión Europea se faga valer nas vindeiras xuntanzas”, conclúe o patrón maior burelés.

ÚLTIMAS

Foz acende este xoves 5 de decembro o alumeado de Nadal

O Concello de Foz ten preparadas moitas actividades e sorpresas para este Nadal, que...

Ribadeo comeza as obras de mellora da Estrada da Costa

Deron comezo as obras de mellora da estrada da costa, que suporán un investimento...

Lucía Freitas, galardaoada co Primeiro Premio Merlín polo proxecto “Amas da Terra”

A cociñeira Lucía Freitas é a gañadora da primeira edición do Premio Merlín polo...

Comezan as obras de mellora do punto limpo de Viveiro

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que xa comezaron as obras de...