EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo, lamentou que a decisión da dirección da multinacional de continuar coa política de redución de produción achega a planta cervense “ao abismo”.
Tras “analizar en frío” a reunión mantida este mércores entre o comité de empresa e o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, os sindicatos sacaron “conclusións preocupantes e negativas”.
“Estamos nun camiño que non queriamos empezar, pois imos na mesma dirección que as plantas da Coruña e Avilés“, advertiu Paleo.
“Polo menos aseguráronnos que non tocarían o emprego, esa é a única boa noticia”, sinalou.
Paleo recordou que “xa fai un mes baixaron a intensidade das cubas de 167.000 a 160.000 amperios”, e que agora, coa “parada anunciada de 32 cubas” durante estas semanas, a planta de San Cibrao “achégase cada vez máis ao abismo”.
Polo momento, segundo confirmou o propio Paleo, “só se parou unha das cubas enfermas” este luns.
O COMITÉ PIDE “IMPLICACIÓN DAS INSTITUCIÓNS”
O presidente do comité tamén lamentou a “incapacidade do Goberno en funcións de sacar adiante o estatuto das electrointensivas” e a “incapacidade dos partidos para formar un Goberno estable”.
Así mesmo, Paleo informou de que se pedirá a “implicación das institucións, a autonómica tamén” para poder solucionar a situación actual da factoría.