A comunicación persoal e directa polos fogares prolongarase ata finais da próxima semana. Unha medida que, en palabras do alcalde de Trabada, Rubén García, obedece á necesidade de transmitir maior confianza en primeira persoa fronte ao risco de estafas, ademais de explicar o procedemento e as comercializadoras adheridas, como Máis Enerxía ou RDG Comercializadora. En paralelo, abreuse un prazo ata o 31 de agosto para presentar alegacións ou subsanar omisións na documentación obrigatoria a través do correo olamondigo@rdg.gal, con apoio telefónico (604 012 723) e presencial durante as visitas.
A bonificación consiste nun desconto directo do 80% no termo de enerxía da factura eléctrica para aquelas persoas residentes nun radio de ata 1,8 quilómetros ao redor do parque eólico. Esta iniciativa enmárcase na nova política enerxética de RDG, sustentada en catro piares fundamentais: aplicar descontos directos no recibo da luz á veciñanza, ofrecer tarifas competitivas ás empresas, incorporar o interese local permitindo a participación dos concellos e garantir que o 100% da enerxía xestionada en Galicia reverta no propio territorio.
No Concello de Trabada, onde se ubica arredor do 70% da extensión do parque eólico do Mondigo, o goberno municipal ten unha visión clara. O seu rexedor, Rubén García, defende que, ao soportar a maior parte do impacto visual e territorial, os beneficios do parque deberían estenderse á totalidade dos veciños e veciñas do municipio, e non limitarse unicamente á área do radio de 1,8 quilómetros. Ademais, o rexedor trasladou á compañía a inclusión das vivendas sociais municipais nesta liña de axudas, mentres que o propio edificio do Concello, xunto coas explotacións gandeiras, agrícolas, comercios e empresas locais, poderán acceder a propostas de aforro adaptadas rexistrando os seus consumos na plataforma rdgdatos.gal ou na aplicación móbil RDG Datos.
Esta medida abre unha xanela de oportunidades para o conxunto dos concellos afectados. A pesar das diferentes realidades de Barreiros, Ribadeo e Trabada, a enerxía máis accesible consolídase como un elemento vertebrador e de cooperación local. Ante problemas como o acceso á vivenda en contornas máis urbanas como Ribadeo, Trabada impulsa plans de vivenda social e incentivos ao alugueiro para captar novos residentes.
A redución dos custos enerxéticos xunto coas políticas municipais de vivenda convértense nun polo de atracción decisivo tanto para novos asentamentos de familias como para a implantación de iniciativas empresariais, comerciais e gandeiras. En conxunto, estas bonificacións representan un pulo estratéxico para afrontar o reto demográfico e combater o despoboamento no medio rural da Mariña lucense.
