A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou este mércores 22 de xullo unha nova xornada sobre innovación na pesca, que tivo lugar no salón de actos de ABSA, no porto de Burela.
Sergio López, xerente da OPP Puerto de Burela, agradeceu a presenza a todos os participantes nas xornadas, que son posibles grazas ao financiamento de entidades como a Xunta de Galicia e o FEMPA, e tamén ao interese dos propios armadores en seguir manténdose ao día das novidades do sector.
A conselleira de Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, que previamente asistiu a unha poxa de bonito do norte e pescada do pincho na lonxa burelesa, abriu a xornada agradecendo á OPP Burela a súa implicación e dinamismo en organizar ao longo de todo o ano este tipo de xornadas, como esta de innovación, na que se presentan avances craves da actividade pesqueira, para seguir creando unha pesca máis eficiente, sostible e respectuosa cunhas normativas cada vez máis esixentes.
A conselleira mostrou a súa satisfacción por que este tipo de accións apoien aos profesionais da pesca, un sector estratéxico para Galicia, na transición tecnolóxica e dixitalización, que ofrecen grandes posibilidades ao sector na mellora enerxética, a optimización da rastrexabilidade e afrontar o desafío da transición enerxética.
Durante toda a mañá tratáronse os principais retos en innovación e modernización do sector pesqueiro, como a dixitalización, a eficiencia no mar ou a telemedicina na actividade pesqueira.
Iniciouse a xornada coa ponencia sobre dixitalización da actividade pesqueira, na que Carmelo Zabala, director xeneral de Nautical, se centrou nas comunicacións satelitales e o caso concreto do Oceanlive, explicando as novidades nos sistemas de vixilancia electrónica que serán obrigatorios a partir de 2028.
A continuación, sobre futuro falou María Cubillo, directora xeneral de SinCeO2, que explicou o funcionamento e as grandes posibilidades que ofrecen os certificados de aforro enerxético (Caes) para conseguir financiamento por parte dos armadores aproveitando o aforro enerxético xerado en quilovatios, do que expuxo tres casos concretos de accións realizadas: pintura de casco, cambios de hélices e instalación de portas voadoras na modalidade de arrastre.
Pierrick Salaun, responsable comercial de Marine Instruments, presentou novas ferramentas para gañar eficiencia no mar, centrándose nas boias satelitales do palangre, unha das principais flotas de Burela. Algúns dos modelos presentados son prototipos máis pequenos e eficientes que se comercializarán a partir do último trimestre deste ano.
Máis tarde, Rubén Hermida, director xeneral de Silecmar, no seu relatorio sobre “sensórica integrada” explicou como tomar decisións operativas cos mellores datos e en tempo real que reporten un maior beneficio na actividade.
Finalmente, a xornada pechouse co bloque de telemedicina, no que Gloria Mosquera, de Syntelix USAIL, e Óscar Pérez e Pablo González, de SIVSA, presentaron o novo maletín con videoconsultas de Telemedicina homologado polo ISM, cuxo mensaxe é: “cando un mariñeiro enferma, cada minuto conta”, co obxectivo de evitar evacuacións innecesarias e salvar vidas no sector.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.
