Máis de 140.000 persoas asistiron en Viveiro a unha nova edición do Resurrection Fest Estrela Galicia 2026, que clausurou unha nova edición tras catro xornadas con 100 bandas repartidas en catro escenarios.
“Confirmando, unha vez máis, o extraordinario momento que vive o festival e superando os rexistros da xa histórica edición do 20º aniversario celebrada en 2025”, sinala a organización nun comunicado.
E é que a edición deste ano volveu bater marca de asistencia dentro do propio recinto. A xornada do xoves converteuse no día con maior afluencia de público de toda a historia de Resurrection Fest.
Así, Viveiro volveu reunir algunhas das maiores lendas da historia da música como Iron Maiden. Xunto a eles, Sabaton, unha das bandas máis importantes do metal contemporáneo; Limp Bizkit ou Marilyn Manson.
Segundo a organización, a edición de 2026 xerou máis de 1.500 postos de traballo directos e máis de 4.000 empregos indirectos, cunha repercusión socioeconómica estimada en máis de 50 millóns de euros e un impacto mediático superior a 60 millóns de euros.
“En conxunto, Resurrection Fest Estrela Galicia alcanza un impacto global superior a 110 millóns de euros, consolidándose como un dos principais motores culturais e económicos de Viveiro, A Mariña, a provincia de Lugo e toda Galicia”, engade.
