A Fundación Expomar, co cofinanciamento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, presenta as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que este ano cumpren as súas 33ª e 27ª edicións, respectivamente; e que volverán reunir a próxima semana aos profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional e europeo, co futuro do sector pesqueiro a debate, abordando os principais retos e dificultades do momento na pesca.
A principal novidade será a renovación do formato das Xornadas Técnicas, que se celebrarán ao longo dun único día, o xoves 14 de maio, en sesións de mañá e tarde.
Na apertura das Xornadas 2026, que se volverán celebrar no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, estará presente a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, acompañada polo director general de Pesca Sostenible do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Ramón de la Figuera, e a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.
Ao longo da mañá celebraranse tres mesas de debate que poñerán sobre a mesa algunhas das principais preocupacións do sector pesqueiro nos últimos anos: a xestión pesqueira; o futuro, relevo xeracional e formación; e a sostiblidade, socioeconomía e consumo, nas que participarán recoñecidos profesionais destas respectivas áreas.
A sesión de tarde iniciarase ás 15:30h cunha presentación a cargo da directora general de Marina Mercante, Ana Nuñez, acerca da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.
E as Xornadas Técnicas 2026 pecharanse cunha novidosa mesa coloquio na que se debatirá sobre a Pesca no Parlamento español, coa intervención de tres parlamentarios galegos en Madrid: Rosa Quintana, do Partido Popular, Patricia Otero, do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, e Néstor Rego, do Bloque Nacionalista Galego.
Previamente, o mércores 13 de maio pola tarde, celébrase nas instalacións de Armadores de Burela o 27 Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, no que as entidades sectoriais máis representativas do sector pesqueiro do ámbito galego, español e europeo volverán reflexionar sobre os principais retos da Pesca.
Froito deste novo Encontro redactaranse as “Conclusións 2026”, como resumo das decisións tomadas durante a sesión, que se farán públicas o día seguinte ao inicio das Xornadas Técnicas.
