O turismo é un motor económico importante para a comarca da Mariña. Así se puxo de manifesto no Foro sobre Economía e Turismo organizado pola FCAM e celebrado onte á tarde no salón de actos do Cenima, en Foz. Sector privado e institucións reflexionaron ao longo de hora e media sobre estes asuntos.
Enriba da mesa puxéronse cifras. A Mariña conta con máis 3.000 aloxamentos, de todo tipo, o que supón arredor de 23.000 prazas. José Manuel Villapol, de Finca Goleta, incidiu nestes datos: “ocupamos o segundo posto en Galicia en cando a número de prazas, pero no tocante ao gasto diario por persoa os datos son mellorables”. E tamén advertiu “do certo risco de saturación que se dá en momentos puntuais. Temos que saber moi ben cara onde queremos ir”.
O alcalde de Foz e deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Fran Cajoto, dixo que “hai que tentar profesionalizar os recursos, apostar polo Camiño do Mar, pola Ruta Pardo de Cela, que as autocaravanas non se convertan nun problema. Estase traballando moi ben, pero aínda queda un camiño por percorrer”. E indicou “se analizamos o que pasou na Mariña nos últimos quince ou vinte anos, o primeiro que vemos é un cambio profundo no papel do turismo dentro da economía da comarca. A zona pasou dun modelo moi concentrado no verán, con impacto limitado, a outro no que o turismo funciona como un sistema económico máis amplo”. Cajoto tamén indicou que “o turismo é un polo de atracción para quedarse a vivir aquí”.
Desde a Xunta de Galicia destacaron o avance da Mariña como destino turístico, próximo a alcanzar os 200.000 visitantes. No 2025 rexistrou 190.438 viaxeiros, o que supón un incremento do 1% en relación ao ano anterior. No mesmo período, o número de noites nos establecementos turísticos oficiais superou as 384.900, medrando nun 4,7%. A xefa de área de Turismo de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez, dixo que estes datos “confirman o gran potencial da comarca nun mercado que evoluciona cara ao turismo de experiencias e fuxe da masificación”.
Desde Acia Foz-CCA o seu presidente, José Carlos Paleo, apostou “pola dinamización dos pobos durante todo o ano, coa organización de diferentes eventos deportivos e culturais, que permitan que as vilas e os seus negocios teñan movemento tamén nos meses que consideramos tempada baixa”. Todos os participantes no Foro celebrado no Cenima coincidiron en destacar que o turismo está cada vez máis desestacionalizado e máis presente nos municipios da Mariña, sobre todo desde a Semana Santa ata a ponte do Pilar. E tamén destacaron a importancia que teñen o Camiño de Santiago e o Camiño do Mar así como outras rutas que se poden facer pola Mariña “á hora de expandir aos visitantes por toda a comarca”, comentou Carmen Delia Díaz, de La Guiateca.
A mellora das infraestruturas e do transporte, tren e autobús, foron algunhas das demandas postas enriba da mesa, así como a necesidade de loitar contra o intrusismo no tocante aos aloxamentos e aos free tour. Carmen Delia Díaz comentou que “A Mariña debe ter en conta aos nómadas dixitais, esas persoas que buscan a tranquilidade desta zona para teletraballar durante meses, ou tamén o turismo rexenerativo”.
O sector turístico mudou moito na comarca nos últimos vinte anos, froito dos cambios producidos e da desestacionalización foron xurdindo moitas actividades ao aire libre como a Tirolina da Pontenova, o Laberinto de Rinlo, as escolas de surf que se poden atopar por toda a costa, rutas, visitas guiadas, experiencias con artesanía… Antón Rodríguez, de Sensación Surf, destacou: “traballamos case todo o ano, nas pontes, nas fins de semana, son moitas as persoas que se achegan a practicar o surf, ademais de no verán e na Semana Santa”. Alertou da cada vez máis frecuente presenza da carabela portuguesa e pediu axuda ás administracións para proceder á súa retirada “e así non ter que pechar as praias e cancelar as nosas actividades”.
Jorge López, de O Forno de Tovar, sinalou que “o turismo experimentou unha melloría importante nos últimos anos. Non se traballa ben na hostalería no verán, as pontes son moi boas, calquera festivo ou calquera fin de semana de sol a xente móvese. O turismo de cerca, de Lugo ou doutros puntos de Galicia, chega a esta zona para disfrutar de todo o que lle ofrecemos. E temos que facelo ben todo o ano, ás veces como no verán é complicado, pero temos que facelo ben”.
Todos os participantes no Foro sobre Economía e Turismo, organizado pola FCAM, coincidiron en destacar o bo momento polo que atravesa o turismo na Mariña, apostaron por seguir mellorando e polo traballo conxunto. A presidenta de A Mariña Federación, Carmen Cruzado, agradeceu “a asistencia a este foro que organizamos desde a FCAM como punto de encontro e de reflexión e para facernos eco daquelas preocupacións que teñen os sectores aos que representamos”.
