A Xunta continúa traballando nas obras de mellora da capacidade e seguridade da estrada autonómica LU-540 entre os municipios de Viveiro e Ourol, nas que o Goberno galego inviste 8,2 millóns de euros.
Durante unha visita este martes ás obras de mellora, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o investimento do Goberno galego en materia de seguridade viaria co exemplo desta actuación.
En concreto, a Xunta subliñou nunha nota de prensa que se está actuando nun tramo de 15,5 quilómetros, polo que discorren unha media de máis de 3.000 vehículos diarios. A intervención inclúe, entre outras actuacións, a rectificación de curvas, novos carrís, a mellora de interseccións e o acondicionamento do firme en todo o tramo.
Na actualidade, están executados ao redor dun 50% dos traballos previstos, e finalizaranse nos próximos días os movementos de terras, así como as tarefas de drenaxe transversal, e está lista a rehabilitación estrutural do firme na maior parte do trazado.
Con todo, o obxectivo é mellorar a capacidade e a seguridade deste viario, de maneira que se poderá circular a 90 km/h unha vez finalizadas as obras. Unha actuación que beneficiará ás poboacións de Ourol e Viveiro, pero tamén ás de Muras e Xermade, “polo que redundará na mellora da competitividade territorial” das comarcas da Mariña e Terra Cha, segundo indicou a Xunta.
