A Fundación levará a cabo diferentes accións de promoción, divulgación e dinamización do sector marítimo-pesqueiro. Así, no encontro da semana pasada coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, a Fundación Expomar e a Xunta de Galicia renovaron as súas vías de colaboración para seguir impulsando iniciativas de promoción, formación e posta en valor do sector marítimo-pesqueiro. Por parte da Fundación existe unha gran satisfacción por seguir contando con esta colaboración institucional que a Consellería do Mar mantén con Expomar desde hai máis dunha década.
As accións que a Fundación Expomar ten previstas para este ano 2026 inclúen eventos e actividades dirixidas a diferentes públicos, desde o profesional pesqueiro ata o público xeral, pasando polos centros de ensino, de maiores e inclusión social, a hostalería, artesanía e gastronomía.
Xeración Peixe
De feito, significan a continuidade de proxectos xa iniciados en 2025, como ‘Xeración Peixe’, un proxecto de sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable que inclúe diferentes actividades interxeracionais e intersectoriais; en marcha desde o último trimestre do ano pasado e que culminará no mes de abril coa celebración do “Día do Peixe” e do “Congreso da infancia e da adolescencia”.
O proxecto abrangue diversas actividades de investigación, culturais, gastronómicas, medio ambientais e artesanais, e neste primeiro trimestre do ano estanse levando a cabo accións con diferentes sectores de actividade e públicos de distintas xeracións: centros de ensino da Mariña Lucense, centros de inclusión e de maiores da contorna e a Escola de Hostalería de Foz, que presentará un “petisco de peixe” e unha proposta de menú ideado para ofrecer nos comedores escolares.
Xornadas Técnicas e Encontro Empresarial
Expomar seguirá sendo foro de referencia para o encontro entre profesionais, empresas, administracións e axentes sociais vinculados ao ámbito marítimo, coa celebración o 14 e 15 de maio das XXXIII Xornadas Técnicas e o XXVII Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores, que no seu día comezaron sendo parte da feira monográfica, pero que mantiveron o seu carácter anual cando a feira pasou a celebrarse cada dos anos.
As Xornadas Técnicas volverán reunir aos profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro nacional e nelas debatirase sobre o futuro da pesca, abordando coma sempre os retos e dificultades do momento no sector.
Presenza en eventos pesqueiros
Ao longo de todo o ano a Fundación Expomar estará presente nos principais eventos do sector marítimo pesqueiro, como a Feira Navalia en Vigo, onde disporá dun stand propio, e outras citas do calendario internacional, como Conxemar en Vigo ou a Feira Expomar de Cabo Verde, onde volverá promocionar o sector pesqueiro galego acompañando á Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
O xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, aproveitará para manter diferentes reunións con empresas do sector e institucións relacionadas co mar, comezando a promocionar a próxima edición da Feira Expomar, que se celebrará no puerto de Burela en maio de 2027.
Feira Produart
Na primeira fin de semana de agosto, coincidindo un ano máis coa celebración da Feira do Bonito, festa de interese turístico nacional e galego que atrae a milleiros de visitantes ao porto de Burela, a Fundación Expomar organizará unha nova edición da súa feira dos produtos do mar, artesanais e ecolóxicos Produart, que chega xa á súa 24ª edición reflexando os valores de sustentabilidade dos recursos pesqueiros de Burela, a súa tradición artesanal e patrimonio cultural.
Unha acción que contribúe a fortalecer a economía azul, promover o consumo de produtos do mar e visibilizar o peso estratéxico do sector no desenvolvemento económico e social de Galicia.
Turismo e Orgullo Mariñeiro
Tamén ao longo deste 2026 a Fundación Expomar seguirá apostando pola promoción do turismo mariñeiro, do que Expomar e Burela son principais promotores en España, participando na creación da “Red Nacional de Turismo Pesquero”.
Esta iniciativa inclúe a promoción e divulgación sobre as actividades da pesca e os seus oficios, con rutas e propostas socioculturais, visitas a lonxas, barrios mariñeiros, portos, faros ou museos, como o Barco Museo Boniteiro, único en España e que se encontra atracado no porto de Burela xusto ao pé da nave de redes na que se celebra a feira Expomar.
Á parte dalgunha sorpresa máis na que se está a traballar desde a Fundación, Expomar pechará o ano coa celebración, a principios do mes de decembro, cun novo “Día do Orgullo Mariñeiro”, que por cuarto ano volverá combinar a divulgación nas escolas, promocionando o consumo de peixe nos comedores escolares da comarca, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos, cunha festa de degustación popular gratuíta e xornadas culturais e gastronómicas.
