InicioEconomíaCasa Labradela: “ O porco celta non está tan limitado no mercado...

Casa Labradela: “ O porco celta non está tan limitado no mercado como se fose porco branco”

Casa Labradela é un proxecto de cría e venda de porco celta no lugar de Labradela, parroquia da Rigueira, Xove. Os irmáns Ángel e Shaila García sacaron adiante a súa idea logo de tempo dándolle voltas e de ver outras explotacións. Hoxe, seis anos despois, a idea é unha realidade.

Publicada o

- Advertisement -

-Como naceu a idea de crear Casa Labradela e traballar co porco celta?

Shaila.- A idea naceu en 2020, a piques de saír da pandemia e un sábado, que é o día en que nos xuntamos normalmente, vimos que tiñamos unha boa superfice de terreo que tiña o meu avó e logo meu pai, e aí tiñamos unhas vacas e logo un par de porcos ceibos que non eran porco celta. Desta maneira puxémonos a pensar en ideas para que os terreos non quedasen a bravo. Finalmente, decidimos traballar co porco celta. A idea foi esa, logo fomos barallando como poder materializala pois, de primeiras, era iso, unha idea.

-Aínda así, seguistes para adiante. Por que decidistes continuar para adiante?

Ángel.- Fomos ver unhas explotacións en Vilalba e Mondoñedo e gustounos o xeito de traballo nelas. Vimos que un proxecto así se adaptaba ben ao lugar de Labradela e así foi como nos decidimos.

-Cantas persoas traballan na explotación?

Á.- Traballamos entre a miña irmá, meu pai e máis eu.

-Cal é o número de cabezas da explotación e que destino teñen?

Á.- Actualmente, debe haber cento cincuenta, isto contando machos, leitóns e recría. Logo, unha empresa cárnica de Sarria, tamén se está mandando moitos de recría, entre cinco e seis meses, para Ourense e tamén temos enviado para unha aldea modelo que hai en Ribeira de Piquín. Tamén se ten enviado a empresas de Lugo e outras firmas interesadas en vender este produto.

S.- Vendemos tanto para industrias cárnicas como para outras explotacións que veñen buscar nais ou recría. Ademais, tamén se vende para particulares de aquí da zona que lles gustou esta iniciativa, temos clientes xa desde o inicio.

-Que necesidades ten o porco celta do porco común?

Á.- Estamos afeitos a ver porco estabulado nun cortello, o porco celta ten que estar en extensivo, necesita espazo libre.

-Sendo un animal que necesita estar en extensivo, tedes medo ao contaxio da peste porcina ao mellor contaxiada por un xabaril?

Á.- Temos todo cerrado con malla de metro e medio e máis pastor, por iso cremos que é moi difícil o contaxio por xabaril, mais medo sempre tes porque pode caer unha árbore e romper o peche de malla sen darte conta e pode entrar un deses porcos bravos.

-A canto se paga o quilo de carne de porco celta?

Á.- Anda sobre os 3.30€ o quilo máis IVE. Consideramos que para este porco é pouco prezo. No caso do porco branco en tres ou catro meses xa o podes mandar para o matadoiro, o porco celta necesita un mínimo dun ano.

-A alimentación destes animais é un investimento moi forte?

S.- Estes animais comen fóra como se fosen vacas, comen todo o día. Á parte, dáselles uns suplementos, unha formulación específica para eles que deseñou a Asociación de Porco Celta (ASOPORCEL), da que formamos parte. Estes suplementos dáselles pola mañá e pola noite, primeiro porque o necesitan e logo para poder collelos cando se quere levar algún, así é máis doado.

-A superficie para mantelos debe ser ampla. É todo prado?

Á.- Temos case nove hectáreas. Desa superficie dúas hectáreas é monte e o resto todo é pasto. Na parte de monte temos castiñeiros, carballos e loureiros.

-Este tipo de explotacións poden recibir axudas das administracións?

S.- Existen axudas para razas autóctonas que están en perigo de extinción. Tamén hai axudas para os peches das fincas ou infraestruturas, mais nós non as solicitamos.

-Credes que os tratados da UE co Mercosur poden afectarvos na venda da vosa carne?

S.- Seguramente si. Isto engloba toda a produción primaria e nós estamos dentro do sector. No noso caso temos un mercado limitado, tampouco é que a produción en Galicia non é moi ampla e iso danos un nicho moi específico para a venda.

Á.- O porco celta non está tan limitado no mercado como se fose porco branco.

ÚLTIMAS

Cristina Lagares, libraría Bahía: “Quero continuar co modelo de traballo da libraría porque sempre funcionou ben”

Cristina Lagares, -Por que te decidiches a embarcarte nesta aventura da Libraría Bahía? Antes disto...

O goberno local de Foz critica que o voceiro do PP “minta só para conseguir un titular”

A portavoz do goberno local socialista de Foz e concelleira de Facenda, Inés López...

A Deputación asume o financiamento da residencia de maiores de Ribadeo

Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron este venres o convenio polo...

Cervo asume gran parte do incremento de prezos da residencia municipal

O Concello de Cervo comprométese a asumir gran parte do impacto que implica o...