O Consello de Ministros aprobou na súa reunión deste martes un total de 21 adendas de prórroga e modificación de convenios para a execución de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) das Convocatorias ordinarias de 2020, 2021 e 2022, entre os que están os da Mariña e Ourense termal.
En concreto, deu luz verde ao acordo polo que se autoriza a subscrición da adenda de prórroga e modificación ao convenio subscrito o 13 de decembro de 2021 entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense termal. A contía total é de 3.099.250 euros.
Ademais, deu o visto e prace á subscrición da adenda de prórroga e modificación ao Convenio subscrito o 13 de decembro de 2021 entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense. A contía total ascende a 2.225.000 euros.
As modificacións dos convenios comprenden a prórroga das anualidades de execución, sendo de tres anos no caso da Mariña e de catro no do Ourense termal.
