Éxito de convocatoria da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense na Feria Internacional de Turismo de Interior, INTUR, que se celebra en Valladolid. A entidade, conformada por 16 concellos, participa na 28ª edición, que arrancaba este xoves e rematará o vindeiro domingo, 16 de novembro, e na que se dan cita máis dun milleiro de empresas do sector turístico.
A Mancomunidade acude a INTUR, onde conta cun amplo stand ubicado no Pavillón 2. Valladolid é un destino estratéxico cun público obxectivo de alto atractivo para a comarca, ao igual que, en xeral, o noroeste de Castela e León.
Decenas de visitantes e axentes turísticos están a achegarse ao stand da Mancomunidade para se interesar polos moitos atractivos da Mariña como destino para vindeiras escapadas e vacacións mostrando un especial interese polo turismo ornitolóxico, o xeoturismo, e mesmo polo patrimonio cultural e natural. Estes visitantes amosan a súa sorpresa ante a diversidade que ofrece o territorio e expresan a súa intención de coñecelo de contado.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, xunto coa xerente e o equipo técnico do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, asisten en representación do destino para favorecer a activación de novas canles de promoción e comercialización mantendo encontros con distintos representantes institucionais e axentes do sector. No marco de INTUR Negocios, celebrado na pasada xornada, o equipo técnico da Mancomunidade mantivo contacto directo con axencias de intermediación turística, con profesionais e provedores de servizos aos que presentaron os activos desta zona de Galicia, ademais de intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o xeodestino.
No marco desta feira, a Mancomunidade busca captar a mercados de interese para o destino promovendo estadías principalmente fóra de temporada e vinculadas a súa enorme riqueza cultural e natural, dúas das principais bazas turísticas da Mariña. Así mesmo, a entidade comparte as múltiples posibilidades que ofrecen os seus municipios para o turismo activo, de natureza, aventura e deportivo, sen deixar de lado a gastronomía ou a artesanía, outros dos seus piares básicos.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña tamén defende en INTUR un modelo de turismo integrador, responsable e sostible, onde os visitantes poidan gozar de todos os seus activos turísticos, sempre respectando os recursos dispoñibles.
