-A grande aposta desta iniciativa é potenciar o pequeno comercio da comarca. Actualmente cales son os dinamismos que ofrece este comercio segundo as zonas da Mariña?
Somos unha grande comarca cun comercio amplo, variado e referente no que podemos atopar un trato próximo, amable e personalizado. Os municipios de maior tamaño son os que contan cunha oferta máis variada, pero cada un ten as súas singularidades e peculiaridades. Temos un comercio que se move e se adapta aos tempos.
-Como naceu a idea De compras polo comercio da Mariña Lucense? Existían precedentes?
A FCAM xa fixo algo similar hai 10 anos, máis centrado naquel momento na gastronomía e no turismo. Trouxo a recoñecidos xornalistas galegos e tamén do ámbito estatal para amosarlles sobre todo a gastronomía e as potencialidades turísticas da Mariña. E agora decidimos retomar a idea centrándoa no pequeno comercio, para potencialo e para insistirlle á veciñanza que hai que apoiar aos negocios locais, porque sen eles os pobos non teñen vida. Mesturamos nesta campaña o comercio, o turismo e a gastronomía traendo a persoas destacadas no xornalismo, a cultura, o deporte, o cine… para amosarlles todo o que poden atopar nesta comarca.
-Houbo dúbidas entre os e as comerciantes a quen se lles propuxo a idea?
Todas as iniciativas que se realicen para a promoción do comercio local e para a dinamización económica dos nosos pobos sempre é ben recibida. Estes convidados que nos acompañan visitan tendas nos pobos aos que nos achegamos, alóxanse en hoteis da Mariña, xantan e cean en restaurantes das nosas vilas… Estas visitas xeran movemento económico, ademais de potenciar as compras nos negocios locais. E sorteamos 2.500 euros en vales de compra, que servirán para dinamizar tamén as nosas vilas.
-Que entidades conforman a iniciativa? Existe apoio por parte das autoridades administrativas (concellos, Deputación)?
Esta é unha campaña da FCAM (A Mariña Federación), que conta co financiamento da Dirección Xeral de Comercio da Xunta. E coa colaboración daqueles Concellos aos que nos achegamos e as asociacións de comerciantes e empresarios. Temos outras campañas en marcha coa iniciativa privada, como o ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña, e faremos outra coa Deputación de Lugo, que estará mais centrada na gastronomía e na riqueza turística da Mariña.
-Como se vai desenvolvendo: unha actividade por cada concello ou por varios? Describe cal é a maneira de actuar para animar á xente a consumir no comercio da Mariña.
Son 5 os sorteos programados que facemos, sobre todo, naquelas poboacións nas que non hai asociacións de comerciantes e empresarios ou naquelas outras nas que contan con estes colectivos, pero son vilas pequenas. Fixemos campaña conxunta en Foz e Barreiros; en Lourenzá e Mondoñedo; faremos tamén en Ribadeo e A Pontenova; en Viveiro e Xove; e remataremos en Burela.
-Esta campaña ofrece incentivos ás persoas consumidoras para participaren do comercio comarcal?
Todas as persoas que na semana previa á celebración dos sorteos compren no comercio local das súas vilas o único que teñen que facer é achegarse aos sorteos un pouco antes amosar os tíckets de compra e por cada tícket que presenten facémoslles entrega dunha papeleta. En xogo poñemos 500 euros en vales de compra, en cada sorteo, divididos en tres premios de 250, 150 e 100 euros para que logo os gasten nos negocios locais.
-Existe algún sector concreto do comercio que se busque darlle maior dinamismo durante esta campaña?
Está pensada e dirixida para todo o comercio local. O que queremos é crear conciencia entre a clientela para que as súas compras as fagan nos negocios que teñen a carón das súas casas, onde sempre atoparán unha cara amable e un sorriso de verdade, non de cartón. O comercio xera moitos empregos na Mariña, o comercio enche de luz e de vida as rúas dos nosos pobos, o comercio da aopio ás festas locais, ás actividades deportivas, aos festivais… Todos temos que facer unha profunda reflexión e imaxinar o que sería esta comarca e calquera das súas vilas sen os comercios, sen os restaurantes, sen as terrazas…
-Falando de dinamismo, cal é o sector do comercio máis activo agora mesmo?
Estamos a piques de entrar de cheo na campaña de Nadal. As tendas de agasallos, de libros, de informática, de perfumes, de plantas e flores, de roupa, de calzado, de complementos, de pequenos electrodomésticos ou de produtos gourmet, por poñer so uns exemplos, todas se preparan para vivir a grande campaña que se aveciña. Agardamos que sexa un final de ano moi positivo para todas e todos.
-Que resultados esperan recoller con esta campaña? Existe a idea de iniciar de novo unha igual o ano que vén?
Agardamos que a fiel clientela coa que conta o comercio da Mariña siga apoiando e apostando polo sector. E que as convidadas e os convidados que traemos estes días á comarca se convertan en auténticos embaixadores do noso comercio, da nosa gastronomía e da beleza desta terra para que o conten, para que presuman de ter estado aquí no outono, que é unha época de contrastes e de cores idónea para gozar tranquilamente deste paraíso.
