InicioEconomíaAntonio Rigueiro: “Non é doado diversificar especies no monte da Mariña debido...

Antonio Rigueiro: “Non é doado diversificar especies no monte da Mariña debido ao minifundio”

Antonio Rigueiro é o presidente da Asociación Forestal de Galicia e participou na Mesa do Forestal dentro do III Foro Económico «Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña» para describir a situación do sector da madeira na comarca

Publicada o

- Advertisement -

-Onde radicaba a importancia da Mesa Forestal no Foro Viveiro?

É un foro que promove o desenvolvemento socioeconómico da Mariña. Por iso, parece lóxico que nunha comarca onde o sector forestal ten un peso tan importante cos beneficios que trae a moitos e moitas das veciñas da comarca por seren propietarios de espazos forestais. Por todo isto, entendo que é un tema importante o mesmo que outros como pesca.

-Cre que o sector da madeira dentro da comarca é un sector moi primario, extractivo, para levar a outros lugares en vez de transformar a materia aquí?

Falamos dun sector forestal moi importante mais que depende case exclusivamente dos eucaliptos, cos seus aspectos positivos e negativos. Un deles é a produción dunha materia prima que non se transforma “in situ” senón que é trasladada cun custe importante, sobre todo relacionado co transporte en todo o ciclo, desde a produción á transformación. Por tanto, canto menos percorrido haxa entre onde se produce a materia prima e o lugar onde se transforma é mellor para os propietarios pois o prezo que paga a industria sería máis alto ao baixar o prezo do transporte. Houbo algún intento de transformación do eucalipto no pasado na Mariña que logo non saiu adiante. Teñamos en conta que da cantidade de eucalipto que cortamos en Galicia, seis millóns de toneladas por ano. A metade desa cantidade vai para fóra, Navia, Portugal e a outras autonomías sen deixar aquí valor engadido. A produción que temos actualmente daría para outra fábrica para fornecela con madeira de eucalipto.

-Tamén hai quen avisa da “liña continua” de eucalipto que vai por todo o norte de Galicia. Estaría de acordo con romper esa continuidade de eucalipto nesta área?

É necesario diversificar a actividade no monte e non facer que A Mariña dependa case en exclusiva do eucalipto. Un motivo é o risco de incendios, sobre todo estes incendios salvaxes que causas danos moi importante mesmo sobre vivendas e granxas. Por outra parte, tamén é un risco apostar exclusivamente apostar por unha especie, sexa cal sexa, porque se caen os prezos todo o sector verase afectado, sobre todo os propietarios. Se aparece unha praga contra o eucalipto sucedería o mesmo, un problema sanitario importante podería ter consecuencias económicas importantes. Non é doado diversificar o monte na comarca debido ao minifundio. Sería máis doado se houbese un amplo monte en man común, aquí hai unhas corenta comunidades que teñen superficie abondo e dentro dalgunhas a produción está diversificada, hai eucalipto ou piñeiro aínda que se podería diversificar máis. No minifundio hai unha serie de superficies medias de 2.000 m2, aí dentro é imposible diversificar se non recorremos a algunha figura para termos superficies que permitan unha xestión axeitada. Tamén sería beneficioso para diversificar con varias especies.

-Que resposta se lle podería dar a estas cuestións?

Hai algunhas asociacións como as PROMA, en Viveiro está a PROMAVI preside Manuel Galdo, estas asociacións son interesantes mais guíanse case exclusivamente á comercialización, para conseguir que cada empresa que compra a madeira ofrece mellor prezo, se se consegue unha superficie máis grande, entre 30 ou 40 hectáreas, porque iso facilita moito o proceso de explotación. Iso compénsano as empresas que compran madeira mais habería que profundar facendo que as PROMAs sirvan como agrupacións de xestión. Cada propietario conservaría as súas parcelas mais a xestión que sexa común. Isto tamén permitiría diversificar a produción e tamén sería algo positivo para o turismo cunha paisaxe máis atractiva.

-Con todo isto, como cualificaría o sector, a súa presenza dentro da produción industrial da comarca?

É un sector potente e falamos, seguramente, da comarca con maior produción forestal de Galicia e de España e quizais Europa. O eucalipto ten un bo mercado e un prezo razonable, e tampouco hai moitas alternativas a esta madeira, quizais o piñeiro raidata ou piñeiro insignis, unha árbore que agora mesmo está afectado por unha doenza que seca os exemplares nalgunhas comarcas. Con todo, A Mariña é considerada a comarca onde mellor se explota o monte, unha mellor xestión forestal por ser un monte rendible. Para iso é necesario que os propietarios se impliquen no coidado dese monte para que siga producindo beneficio. É necesario que os propietarios invistan en coidar o monte, en mantelo, aínda así, non é algo xeralizado. Deberiamos ir cara ese tipo de produción, superar o minifundio, diversificar especies mais non é das peores comarcas na xestión do monte. Hai tamén unha falta de relevo xeracional que sería necesario para manter o monte.

ÚLTIMAS

Centos de persoas reclaman en Viveiro unha mellor sanidade pública e presentan 6.000 sinaturas de apoio

Centos de persoas --segundo os convocantes-- volveron a saír ás rúas de Viveiro para...

Arquivada a investigación sobre os vídeos de mulleres ouriñando na Maruxaina por falta de “indicios criminais”

O Tribunal de Instancia de Viveiro, praza nº1, acorda o sobresemento provisional da causa...

Dous feridos nun accidente entre dous vehículos en Foz

Dúas persoas resultaron feridas e unha delas tivo que ser excarcerada...