A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo este xoves unha reunión co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, na que tamén estiveron presentes os alcaldes de Xove e Cervo, para analizar o estado dos trámites pendentes entre a compañía e a Xunta, e na que a necesidade de convocar de inmediato o Comité de Seguimento foi o punto principal.
Durante o encontro, Lorenzana explicou que o Executivo galego continúa traballando “arreo” coa empresa para avanzar na tramitación da denominada cota 110 da balsa de lodos (DBR), un requisito “crucial para que a fábrica poida seguir coa súa actividade”. A conselleira asegurou que a Xunta está a poñer “todos os medios e a máxima axilidade posible” para facilitar este proceso.
A titular de Industria reclamou, de acordo con o comité de empresa, a convocatoria inmediata da comisión de seguimento do acordo de viabilidade de Alcoa, presidida polo Ministerio de Industria. Neste sentido, Lorenzana avanzou que solicitará formalmente que o encontro se celebre en Galicia e que participen tanto o Ministerio de Industria como o de Transición Ecolóxica, “dada a relevancia da planta, o número de empregos en xogo e a importancia de mostrar un apoio total á industria galega”.
Lorenzana insistiu en que a participación do Ministerio de Transición Ecolóxica é “fundamental” polo papel que desempeña a enerxía na viabilidade de Alcoa. Reclamou ademais un estatuto estable para as empresas electrointensivas, con garantías xurídicas que permitan compensar as emisións de CO2 e abaratar os custos eléctricos.
A conselleira aproveitou a reunión para subliñar a necesidade de reactivar a tramitación dos parques eólicos, tanto os de competencia estatal como os autonómicos. En referencia á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desautoriza un parque en Mazaricos, anunciou que a Xunta presentará un recurso de casación.
“O desenvolvemento eólico é clave para abaratar os custos enerxéticos de empresas como Alcoa e tamén para os cidadáns”, sinalou Lorenzana. “A paralización duns 70 parques eólicos por decisións xudiciais supón prezos máis altos e encarece a enerxía que se paga en Galicia”, advertiu diferenciado a situación da comunidade autónoma coa do resto de España.
Tamén mostraron a súa inquietude ante as novas resolucións xudiciais que afectan a proxectos eólicos vinculados ás PPDA os membros do comité, que nesta ocasión estiveron dirixidos por Diego Ballesteros, vicepresidente do comité.
Pola súa banda, os representantes dos traballadores destacaron a súa preocupación pola situación do investimento no proxecto do DBR e reiterou que o alto custo da enerxía segue sendo “o problema de raíz” que ameaza a viabilidade da planta. Os representantes dos traballadores pediron o apoio de todas as administracións para impulsar as medidas destinadas a reducir os prezos enerxéticos.
Así mesmo, o comité apoiou a petición de que se convoque “coa máxima celeridade” a mesa de seguimento e reclamou a Alcoa que execute os investimentos comprometidos no acordo de viabilidade. Lorenzana concluíu reiterando o compromiso da Xunta co futuro industrial da Mariña e coa defensa dun marco enerxético estable e competitivo para garantir a continuidade de Alcoa e do emprego na comarca.
