Por que se elixiu crear unha mesa redonda para abordar o balance turístico en Galicia?
Esta fin de semana remata o verán e desde a FCAM pensamos que era un bo momento para xuntarnos e para facer balance de cómo foi a tempada estival. Desde a FCAM xa organizamos meses atrás outras mesas redondas ou foros para abordar cuestións que lle afectan ao tecido empresarial da Mariña: as infraestruturas ou o aluguer de vivendas, foron algúns deles.
Que puntos se tratarán neste encontro e cal é o sector (hostalaría, casas rurais, turismo de roteiros…) con máis presenza nesta mesa redonda?
Todos os sectores estarán representados a través de catro das asociacións empresariais que forman parte da FCAM e de negocios como un hotel, un cámping ou uns apartamentos turísticos. A todos eles lles agradecemos de antemán a súa acollida para participar nesta mesa redonda en Foz, no Cenima, este xoves, 18 de setembro, ás 19:30 horas. É un acto aberto a todo o público.
Cal é o papel da xefa de Turismo da Xunta e máis o alcalde de Foz no debate?
As administracións son as que manexan os datos oficias e tamén as que teñen capacidade para a xestión, para recoller as opinións e para adoptar as medidas que consideren oportunas, chegado o caso. Por exemplo nun Concello tan turístico coma o de Foz é importante coñecer cánto medra a poboación durante o verán e o custe que iso lle supón ás arcas municipais. Pero como Foz hai máis casos: Ribadeo, Viveiro, Barreiros…
Na nota de prensa fálase de facer balance turístico “deste verán (…) que nos deixa imaxes e cifras para a reflexión”. Pode adiantarnos algo sobre estas cifras e imaxes?
As imaxes que nos deixa son rúas e praias ateigadas de xente. O turismo medra ano tras ano no verán, pero tamén en meses como xuño ou setembro. A Mariña é un verxel, un refuxio, un oasis climático e iso nótase cada verán. A presenza de andaluces, sobre todo, é cada vez máis habitual. A xente fuxe do calor extremo e busca as suaves temperaturas que temos nesta zona. E as cifras están aí: os milleiros de persoas que pasaron pola praia das Catedrais, en Ribadeo, polo Fuciño do Porco, no Vicedo, ou polas oficinas de turismo de Foz, por quedarme con algúns dos últimos datos que ofreceron as administracións.
Dentro desas cifras, cal é o sector turístico que máis atrae ao e á visitante?
Hai para todos. Hai quen elixe a tranquilidade de aloxamentos rurais nos municipios de interior, hai quen se decanta por apartamentos turísticos, outros que prefiren hoteis ou hostais, os que elixen as vivendas de uso turístico… visitantes que veñen buscando a excelente gastronomía que poden atopar nesta comarca, outros atraídos polo fantástico patrimonio histórico e natural que temos, pola náutica, polo Camiño de Santiago…
Economicamente este ano deixou resultados positivos, como cales?
Este ano, polo que nos comentan os negocios asociados á FCAM, foi un bo verán. As vendas, en liñas xerais, superaron ás de 2024 tanto en hostalería coma no comercio, sobre todos nos municipios con máis tirón turístico. Cada vez recibimos máis visitantes e iso nótase no tecido empresarial. É certo que as materias primas subiron e que os negocios téñenllo que repercutir ao cliente, é certo que os salarios son os que son, pero as colas nas panaderías, nas pastelerías, nas farmacias, nas peixerías, nos supermercados, nas gasolineiras… foron a tónica habitual do verán nun concello coma o de Ribadeo.
Estase volvendo o turismo peza clave para a economía da comarca?
Penso que o turismo é unha peza clave para a economía desta comarca desde hai un tempo. Somos unha zona con pouca industria, temos uns sectores moi importantes como son o da pesca e o forestal, tamén agricultura e gandería, somos concellos de servizos e o turismo é cada vez máis importante. Está moi concentrado en xullo e agosto, pero é verdade que os meses de maio, xuño, setembro e mesmo outubro, ata a ponte do Pilar, con cada vez máis importantes. A ansiada desestacionalización irase conseguindo pouco a pouco.
Que busca o e a turista na Mariña?
En liñas xerais tranquilidade, natureza, temperaturas suaves e unha ampla oferta gastronómica, ademais de experiencias de aventura, de artesanía, de sendeirismo… hai centos, milleiros de recunchos nesta comarca que deixan ao turista completamente impresionado, incluso a nós mesmos, ás persoas que vivimos aquí todo o ano.
Existen indicadores de masificación turística na comarca?
Creo que de momento non se pode falar de masificación turística. Isto non é o Levante nin o Sur deste país. É certo que cada vez ven máis xente e que iso se nota no día a día dos que vivimos e traballamos aquí, porque hai máis tráfico, hai máis movemento, pero non para chegar a falar de masificación. Agardemos que ese momento non chegue nunca.
Hai plans ideados para este fenómeno?
Todos deberemos pensar e abordar a posible chegada dese fenómeno, pero serán as administracións, con competencias na materia, as que teñan que tomar cartas no asunto.
Que necesidades ten o sector turístico na Mariña e como se abordarán?
A necesidade máis grande e importante que ten é a falla de man de obra, pero como calquera outro sector. Falta xente e iso obrigou a moitos negocios hostaleiros a ter que reaxustar horarios desde hai uns anos a esta parte e polo momento a situación non mellorou. As tendas e os servizos tamén demandan persoal. Non está a ser fácil.
