InicioEconomíaFrancisco Fra: "É necesario conservar a carpintaría de ribeira por todo canto...

Francisco Fra: “É necesario conservar a carpintaría de ribeira por todo canto significou para a sociedade”

Francisco Fra é o herdeiro de sete xeracións de carpinteiros de ribeira en San Cibrao, Cervo. En 2023 un incendio destruiu o que foi o lugar de traballo da familia durante décadas xunto á ría de San Cibrao. Co apoio de coñecidos, amigos, asociacións de carpinteiros de ribeira e outras persoas interesadas neste oficio conseguiu sacar adiante un crowdfounding co que agora busca abrir un novo estaleiro nun novo emprazamento para promover, divulgar e fomentar a carpintaría de ribeira.

Publicada o

- Advertisement -

-Como se organizou o crowdfounding para levar adiante o proxecto do novo estaleiro?

Un grupo de xente, de amigos que se achegaron por aquí quixeron axudar mediante este sistema. Falaron de facer achegas e para iso había que abrir unha conta e logo de miralo ben decidimos seguir adiante.

-O feito de ser a última carpintaría de ribeira que quedaba na Mariña puido ser un dos motivos para animar á xente a axudar neste proxecto?

É posible, non o nego mais a moitas desas persoas coñézoas e hai outras a quen non coñezo e aportaron igual. Estes últimos fixérono porque as noticias van moi rápido, porque o souberon por outras canles, mesmo podo dicir que me chamou xente desde o estranxeiro e doutras partes de España. É xente sensibilizada co noso patrimonio marítimo que diría “é o último estaleiro en activo na comarca e queremos conservar o oficio de carpinteiro de ribeira”. No meu caso era o traballo dos meus antepasados mais tamén queriamos mostrar canto significou para San Cibrao a carpintaría de ribeira. Aínda sendo un porto pequeno houbo moita construción de barcos en madeira, sobre todo barco de cabotaxe ademais de que logo se construísen barcos de pesca, tarrafas e outros máis pequenos. Isto é necesario conservalo por toda esa xente que traballou no oficio e por todo canto aportaron á sociedade pois houbo moitas persoas que gañaron a vida neste traballo e as que aínda seguen.

-O novo estaleiro vaise levantar nun lugar diferente ao anterior e do outro lado da ría. É así?

Si, imos cambiar de emprazamento porque o anterior quedou moi limitado de espazo e á parte estaba en dominio público. Ao final dedicímonos por un proxecto máis amplo e que non estivese nuns límites como estabamos antes. Compramos uns terreos e doámosllos á Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira e para ese espazo xa temos un proxecto feito, aí estará o novo estaleiro. De feito, orixinariamente as primeiras instalacións estaban cerca dese lugar, non exactamente no mesmo sitio que agora, mais si pola parte de arriba da ponte de San Cibrao.

-Quen deseñou as novas instalacións que se van levantar?

Foi un equipo de arquitectos moi vinculado aos estaleiros e ao patrimonio marítimo, son Óscar Fuertes e Iago Penedo. Estes profesionais xa teñen feito traballos sobre a construción en madeira e eu xa os coñecía de antes por iso lles propuxen a idea. Óscar Fuertes fixo unha tese doutoral sobre a arquitectura das carpintarías de ribeira de Galicia e un dos lugares onde a presentou foi no meu estaleiro. Percorreu todas as carpintarías recollendo os seus planos e tamén da miña. A tese fíxoa sobre este tema porque lle gusta, ten estudos sobre construción en madeira e por iso os chamei. Xa fixeron a restauración do estaleiro de Outes e están coa restauración do estaleiro de Moaña. Cando lles propuxen o proxecto pedínlles que gardasen parte da estética dos estaleiros de aquí co teito a dúas augas e ao mesmo tempo ese espazo sería unha escola estaleiro.

-Parte do teu traballo era ese, a divulgación do oficio e aprenderlles a outros e outras profesionais e xente nova temas sobre a carpintaría de ribeira.

Si, eu sempre fago cursos no estaleiro e daquela, como me gusta divulgar o oficio, pois con ese obxectivo creamos a fundación para conservar, divulgar e promover o oficio de carpinteiro de ribeira. Isto implica construír as embarcacións, facer cursos, aprender o oficio, dar palestras e levar adiante todas as iniciativas necesarias para manter esta actividade. Por todo isto considerei que Fuertes e Penedo eran os arquitectos idóneos para materializar as novas instalacións.

-Cando será a data de apertura do estaleiro?

O proxecto está en marcha mais aínda é cedo para dicir cando poderemos abrir. En canto nos permitan operar nós iniciaremos o traballo.

-Volver á actividade implica que continuarás coa construción de pequenas embarcacións de pesca?

Cando se retome a actividade farase todo canto se poida facer, funcionaremos igual mais ampliando as aulas e cursos mais iso é progresivo, segundo a xente vai demandando así o vas ofrecendo.

ÚLTIMAS

José Leal: “O Cantábrico galego estaba moi esquecido na historiografía galega, por iso quixen escribir sobre el”

-Por que escribiches este traballo sobre a pesca no Cantábrico de Lugo? Sobe o Cantábrico...

Antonio Rey, directivo do Xove FS: “Cada tempada hai que reinventarse porque cada día competir é máis complicado”

  -Como entraches nesta aventura do Xove Fútbol Sala? Durante o ano 2009 xuntámonos varios amigos...

Foz asina a cesión do edificio da residencia e centro de día co Consorcio Galego

O Concello de Foz acaba de asinar hoxe, venres, a transmisión de titularidade do...

Ribadeo iniciará en breve as obras na rúa Buenos Aires con apoio da Consellería do Mar e Portos de Galicia

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, agradece a colaboración da Consellería do Mar e...