O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores , José Basilio Otero, asinaron este xoves, día 28, un convenio a través do cal a institución provincial destina unha achega de 24.000 euros á entidade para colaborar co seu funcionamento e financiar unha campaña de divulgación sobre a pesca na Mariña.
Segundo informa o ente público, este acordo ten como obxectivo “promocionar as tradicións mariñeiras e concienciar á sociedade sobre cuestións relacionadas co mar, as variedades das especies, aparellos ou tipos de pesca”.
Como o ano pasado, engade, é unha iniciativa que inclúe diversos materiais informativos, como carteis, pezas audiovisuais e folletos. Ademais, seguiranse realizando as visitas ao porto con institutos da comarca e de toda a provincia.
Para Roca o traballo que leva a cabo a federación é “fundamental para que tanto as embarcacións de altura, de gran altura, litoral e baixura poidan realizar o seu traballo traendo a porto un produto de máxima calidade e identidade na nosa provincia”.
En concreto, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo engloba todas as agrupacións da rexión, situadas en Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo.
