A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este venres co sector marítimo-pesqueiro da Mariña lucense, co fin de analizar o apoio da Xunta e de “seguir impulsando a competitividade e sustentabilidade da actividade que desenvolven os principais portos da comarca”, é dicir, o de Burela e o de Viveiro.
Alí, adiantou que o seu departamento completará este ano o equipamento da nave de preparación e envasado de produtos pesqueiros do porto de Celeiro, cuxos traballos de mellora e acondicionamento finalizaron a finais de 2024.
As dúas actuacións, equipamento e mellora, enmárcanse no proxecto global de modernización destas instalacións, dotado con máis de 1,1 millóns de euros, e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Nunha nota de prensa, a Xunta explicou que a actuación permitirá a adquisición de diversos equipos para facilitar o desenvolvemento do traballo na mesma, e súmase aos executados.
Previamente, a conselleira desprazouse ata o municipio burelense, onde se reuniu coa confraría de pescadores, a OPP-7 e con Armadores de Burela S.A (ABSA). Entre outras cousas, abordou as axudas Fempa concedidas desde 2023 ou os retos que debe afrontar o sector.
