-Como nace ‘Fóra Stocks’ e ‘Santas Tapas’?
Isto comezou hai uns anos coa ‘Ruta das Tapas’ mais como agora está aí a Semana Santa cambiámolo para ‘Santas Tapas’. O comercio na rúa celebrámolo tamén en Semana Santa, xullo e agosto. O que buscamos conseguir, e conseguimos, é que esta oferta combinada de gastronomía con comercio aproveita a afluencia de público. En comercio serve para darlle saída aos artigos restantes de tempada e presentar as pezas para a tempada que vén.
-É unha boa maneira de liquidar stocks.
Si, é o último movemento con prezos baixos para a roupa de inverno e o inicio das novas tempadas de primavera e verán, sobre todo aquelas roupas que se usarán en celebracións familiares, comunións e outras datas sinaladas. Por tanto, buscamos abrir dúas vías: a dos prezos de “derrube” a partir de 5€ e logo ofrecer as novidades dentro da tenda, así, a xente que nos visita ten a oportunidade de acceder a todas estas oportunidades.
-Onde se colocan os postos para o ‘Fóra Stocks’?
Cada tenda saca a súa oferta á rúa en postos, no caso de mal tempo a oferta estará no interior das tendas. O máis atractivo son as mostras a pé de rúa porque están máis cerca do público e este pode mirar as ofertas e logo pode sentirse convidado a entrar na tenda. Logo, cada local solicita no Concello o número de metros cadrados que necesita e se necesita valos, tamén.
-Como se organiza o ‘Santas Tapas’?
Pois é case o mesmo porque a xente vai facendo rutas e aproveitamos para ofrecer gastronomía, un elemento recordatorio de cando se vai a un lugar. Isto anima ás persoas que se van animando e así tamén se senten máis animadas para comprar. A organización do ‘Santas Tapas’ pasa porque cada local hostaleiro fai unha oferta durante tres días cunha tapa a tres euros. Faise unha distribución de dípticos para que a xente poida seguir a ruta, sobre todo pensando na xente que vén de fóra e non coñece Foz. Desta maneira poderase facer a ruta cada día por diferentes percorridos. É unha maneira de ofrecer algo diferente.
-Cal é o produto estrela deste percorrido?
Cada persoa ten as súas preferencias e escolle a súa oferta. Sempre serán produtos de cercanía tanto de mar como de terra, cun toque especial cada tapa. Hai un esforzo para captar a clientela e ao mesmo tempo coidar a que se ten, diso se trata, darlle visibilidade aos negocios sabendo que esa oferta, se se quere, poden tela. Digo isto porque moitas veces a xente queda sorprendida ante a calidade do traballo feito pola hostalaría de Foz.
-Vén moita xente de fóra de Foz?
Si, porque ademais, en Foz hai moita segunda residencia de xente que vive noutros lugares. Logo veñen persoas doutros lugares da Mariña porque todas estas persoas que veñen en vacacións acaban movéndose entre as diferentes localidades. As distancias fanse en pouco tempo, é como unha cidade continua.