-Cantos barcos compoñen a día de hoxe a frota de Puerto de Celeiro e da OPP77?
Da OPP son vinte e dous barcos e a maiores hai oito máis, estes últimos son barcos “asimilados” que son franceses ou non pertencen á OPP mais venden habitualmente no porto de Celeiro. Por tanto, a frota máis numerosa de Puerto de Celeiro son 30 barcos de Gran Sol, logo hai algo de baixura, cerco e un arrastreiro de litoral.
-Os barcos de Gran Sol están especializados nalgún tipo de pesca en concreto?
Antes eramos un porto de pincho, hoxe en día quedarán seis barcos, mais agora somos un porto principalmente de volanta.
-Cal é a diferenza entre pincho e volanta?
O produto é exactamente o mesmo e está nas mesmas augas, o único que cambia é a arte de captura. A arte de volanta é unha rede mentres que o pincho é un anzó nun fío de nailon. A pescada de pincho captúrase unha a unha pola boca nun anzó e a outra iría nunha rede. O pincho tarda máis días e a volanta tarda menos porque fai capturas máis rápido.
-A calidade do produto segue sendo a mesma, polo menos a simple vista?
É certo que antes había moita máis calidade co pincho, mais agora a volanta especializouse e mellorou moito. É certo que a captura con anzó ofrecía unha pescada coa pel intacta mais en voltanta pode perder moita escama, aínda así, o de volanta é máis grande e ten menos días de navegación. O importante é facer unha limpeza rápida, metela en frío e non romper a cadea, daquela pódese ofrecer unha pescada de moita calidade tamén.
-Os barcos que aínda usan a técnica do pincho seguen pensando que esta arte de pesca é rendible?
Non, isto é porque agora mesmo as capturas están sendo moi baixas e aínda que non hai unha diferenza moi grande entre os prezos, a pescada de pincho ten un prezo algo máis alto que o de volanta, aínda así non compensa a diferenza de capturas en relación ao uso de redes. Unha marea de pincho pode durar catorce días e a de volanta pode durar dez ou menos.
-Cal é idade media dos barcos que traballan en Celeiro e están tecnoloxicamente actualizados?
A idade media está en vinte e cinco anos e tecnoloxicamente están renovados coas últimas tecnoloxías.
-Despois do Brexist houbo que realizar cambios legais para pescar no Gran Sol?
Os barcos poden faenar igual porque todos os anos se renova un acordo entre a UE e o Reino Unido que determina as capturas permitidas. O Brexit non supuxo unha ruptura total en pesca aínda que nós pensabamos que si podería haber. O problema para o pincho foron as vedas establecidas para a frota en oitenta e sete zonas onde non se pode pescar, zonas habitualmente explotadas polo pincho. Nesas áreas hai prohibición de pescar mais agora están en revisión nos tribunais. Con todo, as vedas foron establecidas pola UE e están danando a todas as artes de fondo.
-Nestes momentos cal é a frota máis competitiva da UE?
Agora mesmo é a francesa, porque teñen unha cantidade máis grande de barcos polo Principio de Estabilidade Relativa. A diferenza é que teñen topes de pesca máis altos, porén non é que sexa unha frota máis desenvolvida tecnoloxicamente.
-O material dos barcos segue sendo o aceiro ou estase pasando á fibra?
Non, seguen sendo de aceiro, algúns de baixura si entraron na fibra.
-Como se compoñen as tripulacións dos pesqueiros?
Os de pincho teñen quince como moito e os volanteiros once ou doce. Logo, os mandos son españois e o resto da tripulación, agás algún español, o resto son indonesios ou filipinos. Estes mariñeiros veñen a través de axencias e xa hai algún facendo cursos para poder ser mandos e o ano pasado houbo algún deles que sacou o título de polivalente. O estraño é que españois queiran ir ao mar.