A CIG convocou sete xornadas de folga en Vestas Eólica en demanda de condicións laborais e salariais “dignas” e en resposta á “falta de avances” na negociación do convenio colectivo por, segundo recalca, “a postura inmobilista da empresa”.
A organización sindical informa de que os paros afectarán a todos os traballadores e traballadoras dos centros que Vestas ten en Galicia, situados na Coruña, Viveiro e A Estrada. Os mesmos desenvolveranse os días 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de marzo, das 00.00 ás 24.00 horas.
Ademais, coincidindo co primeiro día de protesta, anunciou unha concentración nas instalacións que Vestas ten en Chavín, Viveiro.
A CIG explica que tras “diversas reunións” coa compañía as conversacións “están estancadas” debido a que “a dirección se empeña nunha non negociación”. Asegura tamén que a mesma “manobrou para esgotar os prazos e tentar que o convenio decaia”.
“A actitude da empresa é de imposición, presentándonos unha proposta de peche sen negociar nada, polo menos cos sindicatos que non temos a maioría”, engade.
Os delegados da CIG denuncian que Vestas Eólica busca “recortar dereitos e profundar na deterioración das condicións laborais cun convenio que empeora o anterior e que, do mesmo xeito que no pasado, volvería provocar a perda do poder adquisitivo” dos salarios.
Fronte a isto, para este III Convenio de Vestas Eólica — que regula o conxunto do persoal no Estado español — a CIG reclama melloras salariais, manter beneficios sociais como a flexibilidade para o persoal de oficina, que haxa unha revalorización salarial para o persoal de campo, a contención e redución das xornadas anuais, e melloras nas gardas, os reténs e as horas Tempo Ordinario Dispoñible (TOD).