-O Ministerio de Transporte anunciou o investimento de case cinco millóns de euros para a mellora no trazado do FEVE. Desde a Plataforma polo Tren Ferrol Ribadeo que valoración facedes deste anuncio?
É un anuncio sobre a mellora de trincheiras desde Ortigueira a Ribadeo. Non pensamos nese anuncio como un grande investimento senón que eses traballos están condicionados a devolver a vía a un uso normal. Ese diñeiro vai destinado a corrixir lugares onde hai que reducir a velocidade ou onde se apoza auga, realmente é poñer en condicións a vía nalgúns puntos. Non é unha mellora senón deixar a vía no seu estado normal, mais aínda así, benvidas sexan estas intervencións que deberan ser o normal. En definitiva, nós vémolos como traballos de mantemento.
-Tedes trasladado ao ministro Óscar Puente as reivindicacións para mellorar a calidade do servizo do tren Ferrol-Ribadeo?
Ao ministro mesmo non se lle fixo chegar ningún documento ou reivindicación en persoa. Si é certo que os concellos e a Xunta trasladaron ao Ministerio as necesidades para este tren, con todo, polo de agora non somos se a Xunta volveu trasladar as inquietudes dos e das afectadas, tamén somos conscientes que esta non é competencia do goberno galego.
A Renfe e Adif si temos enviado as nosas demandas e grazas a organizacións políticas este tema tamén chegou ao Parlamento.
-Durante as reunións coas diferentes partes implicadas, desde Renfe até as diferentes administracións, observades se existe un interese real en mellorar esta liña ferroviaria?
Hai concellos moi preocupados e ven isto como unha oportunidade e como un problema a solucionar, tamén hai municipios que viven ás costas da liña férrea. En canto aos servizos cremos que se poden mellorar os que se prestan actualmente ademais de incrementalos e mellorar os convoios existentes para dar un servizo de calidade. Hai tempo conseguimos incrementar os servizos entre Ferrol e Ortigueira, agora a nosa ambición é facer o mesmo desde Ortigueira a Ribadeo.
-Desde a Plataforma tamén tedes presentado proxectos e ideas para incrementar o tráfico ferroviario.
Si, hai anos presentóulles ás autoridades locais un informe de situación. Analizáronse os aforamentos de transporte por vías, entre elas as estradas. Sobre o tren, é unha infraestrutura que xa existe e non se debe construír nada. Hai dous fluxos principais, unha cara Ferrol-Narón por cuestión de estudos e traballo. Outro segundo fluxo é Viveiro-Ribadeo onde os intereses están máis repartidos e hai máis interrelación entre as vilas. Sobre o trazado, debemos lembrar que moitas paradas e apeadeiros están dentro ou perto dos principais núcleos de poboación, isto é unha vantaxe. Os apeadeiros máis afastados dan un uso moi bo para o mundo rural. Vantaxes moitas por un prezo aceptable á parte dos bonos gratuítos. Os problemas que existen son os horarios nalgunhas zonas e tamén a falta de máquinas abondo para cubrir traxectos. Sobre transporte de mercadorías dentro dun ano farase a conexión co porto exterior de Ferrol, por tanto haberá que crear novas vías, novas interconexións en diferentes zonas. A infraestrutura ten que ser algo vivo e non morto. Antes transportábase madeira cara o País Vasco e hai quince anos deixouse de facer, Renfe parece rexeitar o transporte de mercadorías. Tamén se retirou o palanquín que levaba aluminio de Alcoa tamén ao País Vasco.