Alcoa, Ignis EQT, Goberno central e Xunta asinaron un “memorándum de entendemento” (MOU polas súas siglas en inglés) para asegurar o futuro a longo prazo da fábrica de San Cibrao, o que inclúe priorizar o rearranque da planta.
Segundo informa o Ministerio de Industria nun comunicado, este acordo “recolle o interese das partes en colaborar xunto cos traballadores da planta para lograr a estabilidade das operacións, dando prioridade á reactivación das instalacións de aluminio”.
Ademais, acórdase axilizar as autorizacións de proxectos de enerxía renovables para “lograr custos enerxéticos competitivos”, á vez que se establece como prioritario aumentar as axudas ás emisións de CO2. O Ministerio de Industria e Turismo lembra que xa anunciou a finais do ano pasado que en 2025 aumentarase esta partida orzamentaria ata os 600 millóns de euros.
Por último, a Xunta e o Goberno de España impulsarán as medidas necesarias para axilizar a autorización e posta en marcha dos proxectos de zonas de almacenamento de residuos que Alcoa promoven no complexo industrial, o que pasa pola ampliación da balsa de lodos vermellos (DBR).
Este protocolo, que non contou con convocatoria oficial nin presenza do comité de empresa, foi asinado este martes polo ministro de Industria, Jordi Hereu; a conselleria de Economía da Xunta, María Jesús Lorenzana; así como representantes de Alcoa (Rob Bear) e Ignis (Antonio Sieira).
O acordo de viabilidade asinado no seu día entre compañía e representantes dos traballadores recollía que o 100% das cubas deben estar operativas en outubro de 2025.
ALCOA: “IMPORTANTE PASO”
“Demos xuntos un importante paso adiante para mellorar as perspectivas a longo prazo de San Cibrao”, dixo o vicepresidente global de Enerxía de Alcoa, Álvaro Dorado. “Esperamos aproveitar o impulso creado hoxe para avanzar no diálogo co resto das partes interesadas, en particular os sindicatos nacionais e o comité de empresa de San Cibrao, e alcanzar os elementos finais necesarios para o futuro de San Cibrao”, agrega.
Igualmente, a multinacional estadounidense detalla que Alcoa e Ignis EQT “continúan centrados en avanzar nas condicións finais necesarias para completar o seu acordo de empresa conxunta, e en traballar coas organizacións sindicais de San Cibrao para apoiar as operacións”.
XUNTA: “NOVO PLAN DE VIABILIDADE”
Nun audio remitido aos medios, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarca que se trata dun protocolo de intencións polo futuro da fábrica co compromiso de “tramitar os expedientes que son precisos para que Alcoa sexa unha fábrica competitiva”.
Lembra que, por parte da Xunta, a autorización da ampliación da balsa de lodos, “xa tramitada ambientalmente”, está pendente de poder obter a luz verde administrativa “en próximas semanas”.
Tamén pon en valor que a parte do Goberno galego que se corresponde con eólicos xa foron autorizados, polo que este protocolo recolle que o Ministerio axilizará os eólicos que dependen do seu departamento, ademais de aumentar o Goberno as compensacións por CO2.
Este protocolo “sitúan a Alcoa e Ignis nun punto para empezar a traballar cos empregados da fábrica, co comité de empresa, nun novo plan de viabilidade para a compañía”, asegura Lorenzana.
A conselleira tamén considera “esencial que se convoque en breve” a mesa de seguimento por parte do Ministerio, aínda pendente tras ser aprazada, para “expoñer aos traballadores, ao comité de empresa, este protocolo alcanzado”, ademais de que Alcoa poida expoñer o “plan de negocio que vai dar viabilidade á empresa”. “Un paso dentro do camiño que temos que percorrer para a viabilidade de Alcoa, pero un paso importante”, valora.
O COMITÉ CRITICA A XUNTA E GOBERNO
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, reduce este protocolo a “fume”, xa que “o MOU (memorándum de entendemento) é un acordo que na actualidade non ten valor xurídico ningún, non compromete legalmente a nada”.
“Simplemente é un acordo de intencións, é dicir, ‘eu vou facer isto, eu vou facer o outro’, e vendo os últimos MOU que se asinaron por parte do Goberno de España, que foi no ano 2021 con AcelorMittal e que actualmente está nun ERTE de 6.600 traballadores, pois a verdade é que a noticia non se pode dar por moi grata“, quéixase.
Censura que “hai ano e medio” o Goberno central sacou fóra de prazo catro nós de conexión de parques eólicos e “aínda non foron capaces” de liquidar esta cuestión, “tal e como prometeron tanto Teresa Ribeira como o señor Besteiro”. “E resulta que agora o poñen nun papel que se comprometen a axilizar, parece un pouco de chiste toda a situación”, apostila.
“Eu creo que o que necesitan os traballadores e necesitan urxentemente é que se deixen de tanto compromiso sen nada detrás, de tanto fume, e que canto antes saquen no Boletín Oficial do Estado publicadas as cousas e no DOG da comunidade de Galicia, pois antes poderemos ter realidades sobre as que traballar, non compromisos que non obrigan a nada legalmente; que parece que é rirse dos traballadores e de toda unha comarca despois de cinco anos de tortura auténtica diaria e laboral”, sentenza Zan.
Finalmente, o representante dos traballadores quéixase de que nin Goberno nin Xunta falaron “nada” co comité sobre esta firma. “Nin tiñamos coñecemento ningún sobre o alcance deste acordo”, reproba.
E é que o presidente do comité de empresa asevera que “é triste que eles (Xunta e Goberno), que non asinan nada do acordo, estean a asinar un MOU (memorándum de entendemento) que quere corrixir o que hai nun acordo de viabilidade, que é un documento legal”.
A continuación, cuestiona “por que non negociaron con Alcoa para que cumprisen os seus partes” do acordo de viabilidade vixente no canto de asinar este documento para instar a un novo acordo de viabilidade.
BESTEIRO: “BOA NOTICIA”
Nun comunicado, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de “boa noticia” ese memorándum, ademais de que avanza que o PSdeG será esixente co cumprimento “por todas as partes”.
Aplaude o esforzo do Goberno central na subida de compensacións por emisións de CO2 e pídelle “celeridade” na tramitación de proxectos eólicos pendentes.
O líder socialista considera positivo que a Xunta “se implique, por fin, na continuidade da planta”, á vez que pide tamén axilizar a posta en marcha dos parques eólicos que son da súa competencia.