O Goberno central anulou a reunión de seguimento de Alcoa prevista para o vindeiro luns, 9 de decembro, de forma que a pospón aínda sen data. A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, enviou comunicación este xoves ao comité de Alcoa para informar deste adiamento do encontro, polo que pide desculpas “polas molestias que este cambio poida causar”.
“Dada a importancia dos temas a tratar, informarémosvos dunha nova data canto antes”, explica no escrito remitido para dar conta do adiamento. Esta é a 19ª reunión da mesa de seguimento —-no que participan representantes de empresa, traballadores e administracións– e o comité lembra que levan esperando seis meses. O comité de Alcoa retomou as mobilizacións, cun corte da A-8 en Ribadeo, ao entender que se está incumprindo o acordo de viabilidade.
Todo iso despois de que Alcoa alcanzase un principio de acordo con Ignis Eqt para que esta última invista 25 millóns no complexo de San Cibrao, o que suporía unha achega do 25% nun investimento de 75 millóns por parte da multinacional estadounidense do aluminio, para un global de 100 millóns entre ambas.
A pasada semana, Alcoa e Ignis trasladaron o seu plan de rearranque da fábrica de San Cibrao ao comité de empresa, no que expuxeron varios temas, entre eles a “formulación de como afrontar” as necesidades de caixa, “que sería cunha achega inicial de diñeiro propio, acceso ao fondo de garantías e pospor o investimento do forno de cocción a polo menos o 2028”.