InicioEconomíaCarme Cruzado: "Queremos dicirlle á xente nova que aquí hai empregos moi...

Carme Cruzado: “Queremos dicirlle á xente nova que aquí hai empregos moi dignos”

Carme Cruzado é a presidenta da Federación de Comercio da Mariña (FCM). O pasado 21 de novembro a Federación realizou no CEIFP Porta da Auga de Ribadeo unha serie de palestras sobre o emprendemento na comarca. Esta iniciativa quere mostrar aos máis novos, sobre todo alumnado de FP, que se pode vivir na comarca dignamente emprendendo. Para isto fíxose fincapé nas necesidades máis urxentes que ten A Mariña en canto sectores por falta de man de obra. O próximo encontro será en Foz

Publicada o

- Advertisement -

Por que se creou este ciclo de conferencias da FCAM e cal é o público obxectivo?

Este ciclo xurdiu a raíz dun foro que celebramos o pasado mes de marzo no Cenima de Foz, e no que tomamos o pulso do que está a pasar nas empresas da Mariña en cuestións coma por exemplo, a fala de persoal. Naquela cita participamos representantes das principais Acias da comarca para compartir as preocupacións do tecido asociativo mariñán. Unha das importantes foi a falta de man de obra. Despois dun tempo de análise pensamos que podería estar ben dirixirnos aos centros de ensino, sobre todo aos de FP, para chamar a atención da mocidade á que lle queremos trasladar que na Mariña hai futuro.

Precisamente, o último ciclo vai dirixido a alumnado de FP, nel queredes dicirlles que na Mariña se pode emprender e hai futuro. Desenvólveme esta idea e por que credes na necesidade de explicala.

Sabemos polo que nos comentan empresas asociadas ás Acias que conforman a FCAM e outras moitas que non o son que hai falta de man de obra nesta comarca, en todos os sectores: forestal, gandeiro, mar, naval ou na automoción. Precísanse persoas para traballar en comercios, en restaurantes, en hoteis, tamén hai necesidade de fontaneiros, electricistas, carpinteiros, por poñer só uns cantos exemplos. Entón queremos dicirlle á xente nova que hai moitas empresas que están buscando traballadores, que aquí hai empregos moi dignos ao mesmo nivel que nas cidades e que a calidade de vida desta comarca é moito mellor que en medianas ou grandes urbes. E tamén lles queremos contar que dentro da Mariña se pode emprender. E todo isto facémolo contando a experiencia de persoas emprendedoras e de empresarios ou directivos de empresas importantes, que están asentadas na Mariña.

Como se lles explicará a maneira de sortear dificultades ou as vías polas que deben ir para sacar adiante os seus proxectos?

María Novo, de Con Sentidiño, saíu do viveiro de empresas do CIFP Porta da Auga, en Ribadeo. Esta emprendedora ribadense explicoulles o seu proxecto, que xa ten sete anos de vida. E incidiu na necesidade de crer nun mesmo, de ter unha vocación clara e moi definida e de apostar polos teus soños, aos que hai que dedicarlles moitas horas de esforzo. Pero os soños son posibles. É conveniente facer estudos de mercado ou realizar consultas a través das Áreas de Desenvolvemento Local coas que contan os Concellos. Emprender non é un camiño fácil, máis ben é un camiño de rosas no que sempre podes cravar unha espiña, mais se cres en ti e no teu proxecto é posible.

Falabamos antes de FP, algún alumnado en concreto?

Tentaremos desde a FCAM contar con empresas, sempre que sexa posible, que estean relacionadas cos ciclos que se impartan nos centros que visitemos. Aínda que o importante son as ideas básicas que queremos transmitirlles aos estudantes que na Mariña hai futuro, precísase man de obra e aquí é posible emprender.

A organización e as persoas que participan nas palestras recollen ideas ou aconsellan sobre elas?

O que estamos a facer é achegar as experiencias de emprendedoras ou de directivos de empresas, como foi o caso de Iván Marrube, CEO de Reyco. A súa recomendación foi moi clara e directa: “soñar en grande e traballar duro” para conseguir os obxectivos que un se marca na súa vida profesional. Queremos que a mocidade coñeza de preto a situación de empresas destacadas da Mariña e de emprendedoras ou emprendedores que levan moitos anos desenvolvendo os seus proxectos nesta terra.

Actualmente cales son os nichos de emprendemento con máis solidez na comarca?

Na FCAM non contamos cun estudo feito a este respecto, mais A Mariña ten posibilidades no ámbito da terceira idade, da infancia, dos servizos, do turismo ou da cultura.

Dependendo da situación ou do concello na Mariña, hai lugares onde é máis difícil emprender ca outros?

O importante é saber o negocio que queres poñer en marcha e antes de nada facer un estudio de mercado para coñecer se ten máis cabida nunha zona ou noutra da Mariña.

A primeira charla foi no Porta da Auga de Ribadeo, cales son os próximos centros aos que queredes ir?

A todos aqueles que consideren de interese para o seu alumnado a nosa presenza. En xaneiro estaremos en Foz. E seguiremos programando charlas porque estamos a recibir chamadas desde diferentes puntos da Mariña interesándose por este proxecto, que acabamos de arrincar dun xeito moi humilde, pero coa convicción de poder crear conciencia e de apostar firmemente polo futuro na Mariña.

En cada un deles explicarase unha temática distinta?

Tentaremos adaptarnos aos ciclos e ás ensinanzas dos centros que visitemos, aínda que calquera experiencia no ámbito laboral merece a pena ser contada, ben sexa dunha persoa emprendedora ou dun traballador por conta allea, calquera que sexa o seu oficio ou profesión.

ÚLTIMAS

O Parlamento aproba accións legais se se incumpre o acordo de Alcoa e unha intervención pública, de ser necesaria

A Cámara galega aprobou unha iniciativa cunha batería de cuestións relacionadas coa planta de Alcoa en...

O alcalde de Ribadeo agradece que a Deputación de Lugo arranxe a estrada de Vilela

O alcalde, Dani Vega, agradece que a Deputación de Lugo arranxe a estrada de...

Viveiro comeza a reparación dos contedores soterrados no concello

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro e a Concellería de Medioambiente dan comezo á...

O PP de Trabada e o da Deputación destacan ter o compromiso para arranxar a estrada LU-P-6101

O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, explica que “grazas ao traballo”...