O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou de que decidiu reunirse coa empresa na factoría este mércores, 6 de novembro, a partir das 10,30 horas.
Nun comunicado, o comité indica que, ante “a falta de noticias” por parte das administracións para a celebración da mesa de seguimento de Alcoa, irá a esta reunión, a pesar do que define como “mala fe” por parte da empresa.
O comité acusa á dirección da compañía de facer visitas á planta da Mariña “saltándose a representanción legal dos traballadores, así como as leis e convenio que definen moi claro os dereitos de representación do comité”.
Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acudiu con representantes do Bloque a reunirse este martes con membros do comité na fábrica.
Segundo indica o comité, “o BNG comprometeuse a esixir ao Goberno de España que obrigue a Alcoa a cumprir co acordo asinado”, ademais de “traballar para a aprobación dunha emenda que conte coa cantidade económica necesaria para a intervención por parte da SEPI da factoría”.
Todo iso despois de que Alcoa alcanzase un principio de acordo con Ignis Eqt para que esta última invista 25 millóns no complexo de San Cibrao, o que suporía unha achega do 25% nun investimento de 75 millóns por parte da multinacional estadounidense do aluminio.
