O Goberno central indica que a declaración ambiental de cinco parques eólicos de tramitación estatal vinculados a enerxía para Alcoa (chamados Borrasca, Xistra, Levante, Boura e Monzón) realizouse entre o 22 e 27 de novembro de 2023, polo que admite que o fixo fóra do prazo límite marcado ata o 13 de novembro dese ano, con base no decreto polo que os promotores de eólicos debían contar con esta declaración ambiental favorable nun prazo de 31 meses desde a obtención do respectivo permiso de acceso á rede.
Así se recolle nunha resposta do Goberno a unha pregunta por escrito do PP no Senado, na que Executivo central engade que estes proxectos que dispoñan de declaración de impacto ambiental favorable e non teñan permisos de acceso e conexión contrarán cunha “puntuación adicional”. Estas declaracións emitidas pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental fóra de prazo suman uns 400 megawatts de potencia a instalar: Levante (106 megawatts); Xistra (89,6 megawatts); Borrasca (84 megawatts); Boura (72,8 megawatts) e Monzón (50,4 megawatts).
Nun comunicado, o PPdeG censura que o Goberno “foi incapaz de concretar ningún avance” nesta resposta máis aló de “recoñecer que deixou caducar e non fixo nada nos últimos 11 meses para autorizar os parques eólicos vinculados ao futuro de Alcoa”. Respecto diso, o senador popular José Manuel Balseiro denuncia “desinterese” do Executivo central cara aos traballadores da única empresa de produción de aluminio primario que segue activa en España. “A inacción do Goberno supón tamén unha clara desautorización das promesas do PSOE e de Besteiro, que prometeron en múltiples ocasións o Executivo desbloquearía estes parques”, arremeten os populares.