InicioEconomíaCarmen Cruzado, FECAM: "hai tantas VUT na Mariña que este pasado verán...

Carmen Cruzado, FECAM: “hai tantas VUT na Mariña que este pasado verán xa non se alugaron como noutros anos”

Carmen Cruzado é a presidenta da Federación de Comercio da Mariña. Este pasado xoves 3 de setembro participou nun foro celebrado en Foz sobre a vivenda no que tamén participaron representantes provinciais e profesionais do comercio. Atopar unha vivenda para alugar é un problema en moitos concellos da Mariña debido á alza dos prezos e ao incremento das vivendas de uso turístico. Esta comarca conta con 2.510 VUT, que supoñen máis de 11.000 prazas, cifra que duplica ás prazas hoteleiras e de aloxamentos da Mariña

Publicada o

- Advertisement -

-O incremento das Vivendas de Uso Turístico realmente supoñen un problema tanto para o sector hoteleiro como para as persoas que buscan unha vivenda de aluguer? Por qué?

Na Mariña hai agora mesmo 2.510 vivendas de uso turístico, son máis da metade de todas as da provincia de Lugo, arredor de 4.000. Iso é un indicador de cara onde van as preferencias dos propietarios deses inmobles, que prefiren destinalos a ese fin. A propiedade alude á inseguridade xurídica á que se enfrontan cos alugueres de longa duración. Todos eses pisos, esas vivendas, se son de uso turístico non están no mercado do aluguer de tempada. E os poucos que hai están a prezos moi altos, segundo comentan persoas que se atopan buscando piso. Contaban no Foro que celebramos o pasado xoves desde unha inmobiliaria de Ribadeo que por cada piso que se oferta para aluguer de longa duración en dúas horas reciben entre 27 e 30 chamadas. E todas esas persoas quedan en lista de agarda. E no caso do sector hostaleiro consideran que as VUT son unha competencia directa dos seus establecementos, que son sometidos a inspeccións e controis moito máis rigorosos.

-É necesario regular o mercado das VUT? Como podería facerse sen que os arrendatarios se sintan “prexudicados” por unha regulación así?

Na Mariña hai máis de 11.000 prazas de uso turístico, que veñen case a duplicar ás prazas hoteleiras e de aloxamentos coas que conta esta comarca. Levamos uns anos vendo como o turismo medra e medra, sobre todo no verán. Pero o que non debería ser é que un concello, o que sexa, teña máis prazas en vivendas de uso turístico que en hoteis, hostais, pensións, apartamentos turísticos, etc… Iso hai que regulado dalgún xeito desde as administracións con competencias na materia. Alguén terá que dicir ata aquí chegamos coas VUT. Pero evidentemente os propietarios están no seu dereito de intentar sacar o maior rendemento económico posible aos seus inmobles. De todos os xeitos hai xa tantas VUT nesta comarca que este pasado verán xa non se alugaron como en anos anteriores. Igual xa estamos chegando a máis oferta que demanda deste tipo.

-A crise da vivenda está afectando ao sector máis novo da poboación na comarca ou faino sobre todos os sectores por igual?

Penso que a todos por igual. Aquí chega unha persoa buscando traballo, teña a idade que teña, para incorporarse a un colexio, a un instituto, ao hospital, a un comercio, á hostalería e teno moi complicado para localizar un piso na mesma vila. En Ribadeo cóntannos desde o sector inmobiliario que, como non hai pisos para alugar, a xente ten que ir a Barreiros ou ao Occidente asturiano a buscar unha vivenda para poder establecerse aquí.

-Dentro da comarca hai lugares máis afectados que outros por este fenómeno?

Os lugares máis afectados son aqueles que teñen máis vivendas de uso turístico. Na Mariña a situación é máis complicada en Foz, en Viveiro ou Ribadeo, por poñer só uns exemplos. Segundo os datos facilitados desde a Xunta de Galicia: Foz conta con 667 vivendas de uso turístico; Barreiros, con 524; Viveiro, con 462; Ribadeo, con 303; Burela, con 191; O Vicedo, con 116; Xove, con 82; Cervo, con 66; Mondoñedo, con 26; A Pontenova, con 17; Lourenzá, con 16; Trabada, con 14; O Valadouro, con 12; Alfoz con 8; Riotorto, con 4; e Ourol con 2.

-Como afecta este fenómeno ás inmobiliarias de venda e renda de aluguer de vivendas?

Que non haxa pisos no mercado para alugar está claro que lles afecta se un dos seus nichos de traballo é ese. O que fan é buscar noutros lugares para poder ofrecerlles algo aos seus clientes. As vendas van por outra vía, que non foi obxecto de análise no Foro que vimos de celebrar en Foz.

-Durante o Foro sobre Vivenda celebrado en Foz, o alcalde da localidade falaba da falta de vivenda pública como outro dos factores na suba dos alugueres. De que maneira a FCAM pode contribuír a que as autoridades locais, provinciais e autonómicas poidan tomar conciencia da necesidade de vivenda pública?

Desde a FCAM o obxectivo que nos marcamos coa organización deste Foro de Análise “Traballo na Mariña, onde vivo?” foi sentarnos a falar, analizar a situación e concienciar por un lado ás administracións da necesidade de abordar esta situación en profundidade: a falla de vivenda para o aluguer de longa duración e tentar regular e ordenar todo o relativo ás VUT, debido ás repercusións que están a ter no sector hoteleiro. E concienciar tamén aos propietarios de pisos e de vivendas da necesidade de contar con aluguer de longa duración. Esas persoas veñen traballar, aséntase aquí e danlle vida aos pobos durante todo o ano. O turismo ten que ser perfectamente compatible coa vida diaria dos nosos pobos. A Mariña precisa das súas xentes e tamén dos turistas, pero todo con orde e con sentido.

-Cal é o impacto económico da falta de vivenda para familias sobre o comercio comarcal?

Senón hai oferta de vivendas para alugar durante todo o ano iso implicará que os nosos pobos non verán incrementada a súa poboación e iso notarase evidentemente na súa evolución económica.

-A creación dunha normativa sobre este extremo parece ser a principal reivindicación de cara ao control das VUT e para a promoción da vivenda pero, existen intereses creados para que isto se ralentice ou saia moi condicionada unha lei sobre vivenda que teña en conta o actual marco habitacional?

O que fai falla é traballar conxuntamente desde as administracións escoitando aos sectores hoteleiro e inmobiliario, ás entidades que traballan polo turismo sostible e de calidade e tamén aos propietarios das vivendas e aos inquilinos.

ÚLTIMAS

Foz acende este xoves 5 de decembro o alumeado de Nadal

O Concello de Foz ten preparadas moitas actividades e sorpresas para este Nadal, que...

Ribadeo comeza as obras de mellora da Estrada da Costa

Deron comezo as obras de mellora da estrada da costa, que suporán un investimento...

Lucía Freitas, galardaoada co Primeiro Premio Merlín polo proxecto “Amas da Terra”

A cociñeira Lucía Freitas é a gañadora da primeira edición do Premio Merlín polo...

Comezan as obras de mellora do punto limpo de Viveiro

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que xa comezaron as obras de...