InicioEconomíaVíctor Álvarez: "Con Extensión Agraria deuse un paso moi importante na agricultura...

Víctor Álvarez: “Con Extensión Agraria deuse un paso moi importante na agricultura e gandaría da comarca”

Víctor Álvares é membro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Xunto coas persoas da sociedade levaron adiante no centro Pedro Murías de Ribadeo unhas xornadas sobre o 'Pasado, Presente e Futuro do Asesoramento', un acto que tamén serviu para realizar unha homenaxe ao que fora o servizo de Extensión Agraria. Coa homenaxe quíxose poñer en varlo o traballo realizado desde os anos 1950 até comezos do século XXI por parte de homes e mulleres que achegaron tanto avances na explotación de terras e gando como melloras na calidade de vida das persoas do rural.

Publicada o

- Advertisement -

-Que temas abordastes neste encontro ‘Pasto e Forraxe’ e cal é a aportación que querían achegar ao mundo rural?

O seu título era ‘Pasado, presente e futuro do asesoramento. Homenaxe á extensión agraria’. Buscabamos transmitir a importancia do asesoramento para a agricultura e gandaría actualmente. A primeira xornada abordou desde a perspectiva privada e pública como está a situación do asesoramento sobre gandaría e o mundo rural. A segunda xornada foi unha homenaxe ás persoas que formaron Extensión Agraria, desde os anos 1950 até os 2000. Queriamos ver canto se podía aproveitar da herdanza que nos deixaron. Invitouse a antigos traballadores de Extensión Agraria para facerlles unha homenaxe.

-O legado das persoas que traballaron en Extensión Agraria, os centros desta extensión, cal foi a pegada que deixaron e cales son as posibilidades de aproveitar hoxe esa herdanza?

Deixaron unha maneira de facer asesoramento, foron os primeiros en traballar neste aspecto. Daquela o traballo consistía en mostrar como se podía facer o muxido mecánico, as concentracións parcelarias ou o ensilado. Hoxe en día seguen estando en vigor e a maneira de aprender dos agricultores daqueles tempos podemos trasladalos aos tempos de agora. Agora a Consellería de Medio Rural é a que leva as oficinas rurais e ao mellor esas oficinas poderían dar un xiro ao seu traballo para seren máis elementos de asesoría e non tanto de burocracia.

-Cales foron os grandes pasos de Extensión Agraria para facer evolucionar a agricultura na comarca?

O primeiro a introdución da maquinaria para traballar as terras, as concentracións parcelarias que daquela non había, e na zona de Ribadeo fixéronse varias con cambios na estruturación de parcelas, algo que beneficiou no rendemento das explotacións. Introduciron sementes máis productivas nos prados e nos cultivos. Creo que o salto que se deu desde o ano 1960 en diante foi dunha grande importancia para toda a gandaría e agricultura que hoxe se beneficia diso.

-Extensión agraria tamén se ocupou dos montes?

Moito menos porque existía un servizo que dependía do ICONA para as repoboacións nos montes. Extensión Agraria centrouse máis en agricultura e gandaría.

-Atendíanse outros aspectos da vida dos agricultores?

Estaban as axentes, mulleres que traballaban a economía doméstica. Desde Extensión Agraria dedicábanse a asesorar na alimentación, porque daquela a xente estaba mal alimentada. A conserva dos produtos, obras comunitarias e que hoxe seguen vixentes, por tanto as mulleres tamén participaron na Extensión Agraria.

-Entre os agricultores hai décadas era habitual que a xente da parroquia participase en obras comunitarias, isto tamén garda relación con Extensión Agraria?

Si, mais non todas. Había obras como traídas de auga, fontes, zonas de lecer e todo iso facíase mediante fondos de Extensión Agraria e eran obras que se facían comunitariamente entre os veciños da localidade.

ÚLTIMAS

José María Leal: “O marqués de Sargadelos foi socio de corsarios”

-A súa palestra sobre 'pirataría ao corso' fala sobre dúas figuras que se confunden...

Tres acusados dun homicidio imprudente en Alcoa en 2017 aceptan un ano de prisión e un cuarto enfróntase a dous anos

Catro persoas sentáronse este mércores no banco dos acusados do xulgado do Penal 2...

O propietario de Sargadelos volve pedir o peche das instalacións

O dono de Sargadelos, Segismundo García, criticou aos sindicatos que este martes se reuniron...

Ribadeo licitará as obras de mellora en dous pavillóns deportivos

Ribadeo licitará nos vindeiros días as obras de mellora en dous pavillóns deportivos: o...