Gañou o “clásico” quen máis o necesitaba. O Pescados Rubén Burela FSF perdeu a súa imbatibilidade na Liga Foro 16 Feminismo ao caer en La Estación, a pista do Atlético Futsi Navalcarnero (5-2).
O cadro madrileño, segundo clasificado, recorta a un punto a diferenza colleitada polas burelesas nas nove primeiras xornadas de Liga, nas que non cederon un só tanto.
Con todo, as discípulas de Julio Delgado e máis Lucas seguen á fronte da clasificación da máxima categoría.
Ariane adiantou ás locais cun tanto ao que axiña respostou Peque. A tres minutos para o descanso, Bruna desequilibrou de novo o marcador a prol do conxunto branquivermello.
Ao pouco de comezar o segundo tempo, Amelia anotou o 3-1 e o Burela FSF apostou polo xogo de cinco para tentar limar a diferenza no marcador.
Non tivo acerto para acadalo e o Futsi puxo máis terra de por medio no electrónico por medio de Ariane de penalti, un tanto que sentenciaba o duelo a cinco minutos do desenlace.
No derradeiro minuto do partido, Amelia conseguiu o seu segundo tanto e Luci marcou o segundo gol das burelesas.
VINDEIRA XORNADA
O Burela FSF terá outro partido esixente a vindeira fin de semana. Recibirá en Vista Alegre ao Alcorcón.
O equipo madrileño mantense unha tempada máis na zona alta, caracterizado polo seu talento individual. Sen embargo, non foi quen de dar o salto de calidade preciso como equipo para pelexar polo título.
As galegas Vane Sotelo e Nerea Moldes destacan, xunto a Ballesteros, no conxunto amarelo.