O Burela FS Pescados Rubén clasificouse este martes para a segunda eliminatoria da Copa do Rei masculina de fútbol sala. O equipo mariñao venceu ao AD Prone Lugo por 0-6 nun encontro disputado a domicilio no Pazo Munipal dos Deportes. O conxunto de Juanma Marrube acabou impoñendo a súa maior categoría na segunda parte, despois de ir ao descanso co 0-1.
O ex xogador do equipo lucense Porto encargouse de abrir o marcador que non se volvería mover ata ben entrada a segunda metade. Primeiro Pope e logo Juanfran e Luisma puxeron distancia cos locais. Nos minutos finais Porto e Juanfran ampliaron a conta.
O encontro serviu ademais para o debut dos canteiráns Adilson e Aarón nunha competición oficial. O Burela FS Pescados Rubén coñecerá o venres o seu rival na vindeira eliminatoria.
PRESENTACIÓN DE ALVES
O club laranxa tamén presentou este martes a xogadora brasileira Tais Alves, que chega á Mariña do Ituano do Braisl. A ala definiuse como unha futbolista “competitiva, sacrificada e con boa cobertura”, e agradeceu o bo recibimiento no vestiario.
Tais, que levará o 11 na camisete, convértese na cuarta incorporación do Burela FS para a recén iniciada temporada tras a chegada das internacionais Peque, Cris e Luci. As tres recibiron esta semana a convocatoria da selección española para particpiar na concentración que realizarán en Murcia a finais de outubro.