InicioCentralBurelaMartiño Río, recoñecido en Burela polo seu segundo campionato español de boxeo

Martiño Río, recoñecido en Burela polo seu segundo campionato español de boxeo

O burelao atopou no boxeo o espazo para realizarse deportivamente tras unha lesión que o apartou do fútbol

Publicada o

- Advertisement -

O boxeador Martiño Río recibiu este venres o recoñecemento do Concello de Burela polo recén conquistado campionato de España amateur, o segundo consecutivo nunha carreira meteórica.

O loitador instalouse no máis alto do podio en apenas tres anos de traxectoria competitiva, e despois de media vida xogando ao fútbol en Burela e en Sada. Río atopou no deporte de combate un acomodo mellor para as súas condicións físicas –1,96 de altura e máis de 91 quilos de peso-. “O boxeo deume máis satisfaccións persoais que o fútbol.  Vexo que se me dá ben. Estou máis cómodo polas miñas características físicas, para o fútbol era quizais demasiado grande”.

As crónicas do combate polo título do pasado mes de xullo en Córdoba ensalzan as súas “condicións innatas para o boxeo” e a rapidez coa que gañou “experiencia” e “picardía” no ring. De feito, presenta un palmarés inmaculado nas competicións e torneos celebrados en España. O único loitador que logrou dobregalo nun cuadrilátero foi o chino Mu Haipeng (44º no ránking mundial) no Boxam Tournament celebrado en maio en Murcia.

o burelés venceu ao balear Samuel López na final española disputada o 21 de xullo en Córdoba

A participación nos torneos internacionais coa selección española son o maior reto para Río que admite a dificultade de seguir escalando posicións cara os Xogos Olímpicos. “Para ir ás Olimpiadas hai que ir a moitos torneos con España, e iso significa viaxes de unha ou dúas semanas, algo moi difícil de compaxinar co traballo”, apunta.

INICIOS EN BURELA

Aínda que se iniciou na competición aos 28 anos, a súa afección polos deportes de combate non foi tardía. “Empecei aos dezasete ou dezaoito anos en kick boxing con Guerreiro (Club Kick Boxing A Mariña), e pouco a pouco funme encamiñando cara ao boxeo”, lembra.

No medio, unha lesión de xeonllo que o apartou definitivamente do fútbol. “Cando me recuperei centreime no boxeo, porque me gustaba e porque me permitía seguir manténdome en forma”.

Na elite competitiva ingresou da man do club coruñés Planas Box, do que saíron os mellores loitadores galegos como Dinky, Zapata ou Manolo Planas –presidente da Federación Galega e cinco veces campión do mundo-. “Aquí, estes deportes necesitarían un pequeño empurrón, non hai moita xente nen moitos clubs, pero tampouco é unha cuestión comarcal, o caso da Coruña co Planas é o excepcional”,  apunta.

 “A Federación Galega funciona moi ben, se queres boxear tes todas as facilidades para facelo”

O seu paso polo fútbol permítelle entrar no debate sobre a atención e o recoñecemento dos deportes minoritarios con cautela. “Non creo que se poida comparar un e outro deporte sen máis. Se che gusta o boxeo segues e valoras os méritos dos boxeadores, se non é complicado, pero co fútbol afeccionado sucede o mesmo. Quen gañou este ano a Copa Deputación? Pois seguro que só o saben os que seguen as competicións provinciais”, razoa.

PROXIMAS CITAS

A actividade competitiva segue para el tras este recibimento en Burela. Na axenda ten un combate na Coruña –onde vive- o vindeiro 7 de setembro, e a súa segunda participación no torneo Odivelas Cup, que se celebra en Portugal, de cara a decembro. No aire mantense a posibilidade de celebrar algunha velada en Burela, onde aínda non puideron velo no cuadrilatero.

ÚLTIMAS

Alcoa seguirá adiante coa venda de San Cibrao ao rexistrar máis perdas millonarias: 237 millóns ata marzo

Alcoa, o maior produtor estadounidense de aluminio, rexistrou perdas por importe neto atribuído de 252 millóns...

Trabada solicita unha subvención para renovar a vivenda da Unitaria de Vidal

O Concello de Trabada solicitou unha subvención ao Instituto Galego de Vivenda e Solo...

Charla en Burela sobre cambios normativos que afectan a persoas con dano cerebral adquirido

O Concello de Burela acolle, no Salón de Plenos, unha sesión informativa sobre os...

Un equipo especializado da Garda Civil traballa para determinar as causas do incendio do Valadouro

Un equipo especializado de investigación de incendios da Garda Civil, con sede na cidade da...