O Pescados Rubén Burela FSF rabuñou este sábado un empate na pista do Roldán murciano (2-2) cun gol de Cilene no último suspiro.
O equipo da Mariña Lucense sufriu nun encontro no que no minuto 34 perdía por 2-0. Na primeira metade, as discípulas de Julio Delgado e máis Lucas tiveron axiña problemas de faltas e Andrea Marín gozou dun dobre penalti, a segundos do descanso, que transformou no 1-0.
O gol premiaba as varias tentativas das locais, que toparon cunha segura Jozi. O Burela FSF tivo tamén as súas oportunidades no primeiro acto, desbaratadas por una extraordinaria porteira, Ana Etayo, que emerxeu especialmente nunha segunda metade que foi un monólogo do cadro laranxa.
Tralo paso polos vestiarios, Etayo foi un pesadelo para Cilene, Cris, Ale de Paz -en dúas ocasións- ou Peque. No minuto 32, os técnicos do Pescados Rubén optaron polo xogo de cinco e Carrasco aproveitou un erro na circulación para, no 34, ampliar a vantaxe do cadro murciano no luminoso.
Non se rendeu o Burela FSF, que insistiu coa porteira-xogadora. No minuto 36, Jenny Santos culminou unha boa xogada colectiva para dar esperanzas de sumar ás da Mariña. Acto seguido, a xogadora lusa salvou o 3-1 baixo os paus.
O adestradores do equipo laranxa botaron man de dous tempos mortos para minimizar os erros e o acoso do Burela, apostando polo risco da superioridade numérica, tivo premio no minuto 40, cando Cilene marcou de falta directa e puxo o definitivo 2-2 no electrónico.
O ZARAGOZA, VINDEIRO RIVAL
Á espera de que faga no pavillón dos Remedios o Atlético Futsi Navalcarnero, que conta os seus partidos por triunfos, o empate semella afastar ao Pescados Rubén Burela FS da loita pola primeira praza na Liga regular, polo que centrará os seus esforzos en amarrar o segundo posto. O Sala Zaragoza será, en Vista Alegre, o seu vindeiro rival.