Iago Míguez (Burela, 1991) regresa ao Pescados Rubén Burela FS para reforzar un proxecto apaixonante na Segunda División. O canteirán asinou un contrato que o vinculará á entidade laranxa ata 2021.
O burelés volve a Vista Alegre logo dunha tempada, a do seu debut coa camisola do Catgas Santa Coloma, marcada polas lesións. O futbolista mariñao xogou 25 partidos de Liga na Primeira División co cadro catalán, 6 deles coma titular, e anotou 4 goles.
Míguez, criado na base e que militou cinco campañas no Pescados Rubén tralo seu paso polo Ázkar Lugo, será unha das grandes bazas do conxunto burelés no vindeiro curso. “Estamos moi satisfeitos co regreso de Iago. É un xogador con rapidez e gol. Medrou con nós, en Segunda e Primeira División, sempre encaixou na nosa filosofía e seguirá dándonos moitas alegrías nesta nova etapa” , asegurou o presidente, Manuel Blanco.
DEZ XOGADORES
Con esta incorporación, Juanma Marrube conta con dez xogadores. Seguirán Matamoros, Hélder, Luisma, Pope e Renato e chegarán Lucho e Vargas (Levante), Juanfran (Naturpellet Segovia) e Porto (Lugo, 1997), que procede do Prone. O club deu a baixa a Colacha, Héctor Albadalejo, Víctor, Chus e Álex.
O Burela FS será o curso que vén un equipo marcado pola identidade, cun home de club como Juanma ao timón e tres xogadores canteiráns -Hélder, Renato e Iago Míguez- con galóns no equipo.