InicioDeportesPaso de xigante do Burela FS para cumprir o soño do ascenso

Paso de xigante do Burela FS para cumprir o soño do ascenso

O equipo burelao derrota ao Betis (5-4) e quita seis puntos ao cadro andaluz e cinco ao Manzanares a falta de nove xornadas para o final

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS deu un paso de xigante para cumprir o soño de estar a vindeira tempada na Primeira División ao derrotar (5-4) ao Betis nun ateigado Vista Alegre, con 1.200 seareiros.

O cadro mariñao aclarou o seu liderado ao deixar ao cadro andaluz, que chegou a Burela no segundo posto, a seis puntos de diferenza. O Manzanares cedeu un empate (3-3) na casa ante o colista, o Tenerife, e queda a cinco tantos dos burelaos, a falta de nove xornadas para o desenlace.

Pleno de intensidade, o equipo local fíxose forte en comuñón coa afección burelá e pareceu encarrilar no encontro nun inicio demoledor, con dous goles en oito minutos, obra de Almagro en propia porta e de Matamoros.

O Betis chegou con vida ao descanso despois de que o veterano á-pivote internacional Borja Blanco recurtara distancias no marcador.

A posta en escena do Pescados Rubén á volta dos vestiarios foi de novo desequilibrante. Nun abrir e pechar de ollos, entre o minuto 23 e o 24, Joselito, Vargas e Iago Míguez outorgaron aos locais un 5-1 que parecía definitivo.

Con todo, o Betis demostrou que ten mil vidas e conseguiu chegar ao treito final con opcións de puntuar. Elías deu a réplica aos poucos segundos do 5-1 e o tanto deu alas ao coxunto sevillano, máis se cabe trala expulsión por dobre amarela de Renato.

Así, o equipo verdibranco púxose a un gol de diferenza no minuto 35 tralas dianas de Víctor Arévalo e do peche ex do Pescados Rubén Víctor López. A defensa local e máis Edu agrandáronse para conservar a renda e amarrar tres puntos de ouro.

VINDEIRA XORNADA

Na vixésimo segunda xornada da Segunda División, o cadro burelao xogará de novo en Vista Alegre. Recibirá (sábado, 18.30 horas) ao Santiago Futsal no derbi galego.

O cadro compostelán, oitavo clasificado con 30 puntos, é un dos equipos máis en forma da competición.

ÚLTIMAS

Os retos da pesca analizados en Burela nas XXXIII Xornadas Técnicas de Expomar

O XXVII Encontro Empresarial e as XXXIII Xornadas Técnicas de Expomar celébranse este mércores...

Trabada busca financiamento para reparar a zona dos vestiarios do pavillón afectada polo incendio

O Concello de Trabada continúa traballando na recuperación da zona dos vestiarios do pavillón...

Alarma en Foz por unha liorta con armas brancas

A localidade de Foz viviu momentos de gran tensión a media tarde deste martes,...

Alcoa: reunión de seguimento do acordo de viabilidade para este venres na Coruña

A Secretaría de Estado de Industria convocou unha reunión de seguimento do acordo de...