-Como entraches nesta aventura do Xove Fútbol Sala?
Durante o ano 2009 xuntámonos varios amigos que xogaramos ao fútbol sala e tiñamos na cabeza formar un equipo. Animounos que xogabamos a este deporte e tamén que en Xove sempre houbera moita cultura arredor do fútbol sala coas maratóns celebradas nas instalacións locais, aínda así nunca houbera un equipo federado. E así foi como naceu o Xove FS, primeiro nós como xogadores e logo seguindo o camiño até onde estamos agora.
-Cal é a posición e categoría nas que está o Xove FS e como valoras estar nestas posicións?
A categoría é a 2ª División B, a terceira categoría a nivel nacional, que é a primeira de afeccionados. Por outra parte, agora mesmo estamos en oitava posición, a metade da táboa pois somos dezaseis equipos. Esta tempada está resultando moi competida porque estamos a seis puntos do play-off, isto márcao o terceiro clasificado como a oito puntos do descenso, por tanto, se gañas dous partidos estás arriba e se os perdes estás abaixo.
-Contades con fichaxes ou queredes ter unha “canteira” propia?
Cada tempada hai que reinventarse porque cada día competir é máis complicado. Temos equipos de canteira de xuvenil e este ano infantil. O xuvenil ten entre 15 e 16 mozos dos que sempre tentamos tirar e, agora mesmo, temos tres xogadores que saíron de aquí de Xove: Javi, Cristian e Óscar ademais doutros xogadores que entraron en momentos anteriores. Tamén tentamos todos estes anos aproveitar os xogadores que quedaban en Burela, un equipo que sempre xogou en categorías profesionais mais tiña xogadores xuvenís cos que non contaban para equipos superiores e así fomos fornecendo o noso equipo. Contamos ademais, con xogadores doutros lugares da Mariña. Durante estes dous últimos anos comezamos explorar xogadores novos saíndo de xuvenil que quixeran vivir esa experiencia.
-Estase creando escola a partir do Xove FS?
Si, aínda máis, aquí convivimos a ACB Xove e nós. Sempre tentamos ir da man e, nese aspecto, ACD leva as categorías “biberón” até “infantil” e a partir de aí collémolas nós. Sempre fomos colaborando, mesmo xogadores do noso clube estiveron de monitores con eles e logo e sempre nos fomos entendendo. Este ano temos infantil e xuvenil e outras tempadas xuntabamos cadete, infantil e xuvenil.
-Cal é o vindeiro encontro decisivo para o Xove FS e continuar na categoría?
Este sábado xogamos en Pola de Laviana, en Asturias. Imos con numerosas baixas porque esta tempada debido a lesións, logo houbo quen foi fichado por outros equipos e algún foi até o seu país xogar a copa nacional. Por tanto, imos algo frouxos porque o Laviana é dos que están marcando a zona de descenso e unha victoria alí sería marcar unha distancia importante e engarcharnos aos que están arriba.
-Supoño que este tipo de desprazamentos terán un custe. Como se cubren?
Ben, Asturias é o máis cerca que temos mais imos a Salamanca, Segovia, Palencia, é dicir, uns desprazamentos cuns custos importantes de desprazamento e outros gastos. Isto conseguimos cubrilo con apoios como o do Concello de Xove, que supón un grande apoio, a Federación desde hai uns anos dá unhas axudas para desprazamentos, ademais disto, conseguimos axudas de patrocinadores e colaboradores.
-Desde o clube estades pensando en crear diferentes categorías como feminina, etc.?
Sempre o tivemos en mente mais a nosa estrutura, a de sermos persoas cos nosos traballos cada un e moitas ocupacións, á parte, en Xove coa infraestrutura de pavillóns e con tantos nenos é difícil dispoñer de pavillóns suficientes para adestrar. Aínda así, é unha cuestión que temos en mente.
-Finalmente, cal é a lectura da presente tempada e como vedes a que vén?
Deixando á marxe as lesións, algo inherente, temos un equipo moi competitivo, cousa que está demostrando día a día. Iso fainos ver como capaces de estar no play-off e pelexar até o final por estar aí. De cara á tempada que vén, seguiremos na mesma liña mantendo o bloque que temos e ver as posibilidades existentes para a vindeira tempada, cousa posible só cando finalice a actual. Logo, tamén debemos esperar que os equipos de categorías superiores se confeccionen e ti ver aquilo que poida ser interesante para o teu.
