Acisa é un dos patrocinadores da Heroican Race, que se celebra o vindeiro domingo, 29 de setembro, en Ribadeo.
Na proba participarán máis de 300 deportistas, que acudirán á localidade acompañados de familiares e amigos. A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que “a importancia que teñen eventos deportivos como a Heroican Race para Ribadeo e os seus negocios: hoteis, restaurantes, comercios… xa que contribúen á súa dinamización económica”.
E engadiu: “estamos contentos en Acisa de patrocinar, na medida das nosas humildes posibilidades, esta cita que volve neste 2024 a Ribadeo. Queremos agradecerlle a Roberto Ramos e ao seu equipo que contasen connosco”.
Roberto Ramos, presidente da asociación Gallaecia Extreme Race e CEO de BeOne, e Carmen Cruzado, presidenta de Acisa, asinaron o acordo de colaboración nas instalacións da asociación empresarial ribadense. Ao acto asistiu o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
Premios Volta ao Cole
Por outra banda, Pérez Prada lembra que “ás 14:30 horas deste venres conclúe o prazo para reclamar os premios sorteados na campaña da Volta ao Cole. Os números agraciados foron o 1.116, entregado en Vos Irmandiños e que corresponde ao premio dun colgante de prata de lei exclusivo con madreperla cortesía de Galería Terra Branca; o 2.791, que foi entregado en Ola Onda e que corresponde ao reloxo Estafe Force modelo Status Chrono, valorado en 300 euros, doado por Xoiería Acibeche; e o 868 que foi entregado en Kids&Us, valorado en 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo”.
E engade que “se os números premiados na Volta ao Cole non aparecen os premios volverán sortearse nas próximas campañas que organicemos”.